OurenseÚltima hora

‘Os camiños da vida’, mostra colectiva da Agrupación Fotográfica FotoSístese, estará no Liceo de Ourense ata finais de xaneiro

Unha das fotografías da exposición.

 

No ano 2025 a Agrupación Fotográfica FotoSístese presentaba un novo traballo titulado “Os camiños da Vida”. Un conxunto de 26 imaxes doutros tantos fotógrafos que partillan, animan e dinamizan o colectivo e que despois de pasar polo Arenteiro Fotográfico de O Potiños e pola Fundación Vicente Risco, chega agora ao El Liceo de Ourense onde estará durante 15 días, dende hoxe ata o 31 de xaneiro.

Sobre as exposición, dende a agrupación explican que cada vida é un camiño e polo tanto as imaxes amosan tantas andainas como autores. Cada quen, mantendo o fio condutor do título, amosa a súa persoal e particular visión do mesmo. “Os camiños, as corredoras, as estradas, os camiños de ferro, os sendeiros, as augas, os ceos e as beirarrúas están cheos de vidas e vivencias. A algúns fánselle rectas, a outros enchésenlle de reviravoltas, hai máis dúbidas que certezas e tamén pegadas de encontros e despedidas”, aseguran.

 

 

Nesta exposición amosan pois unha viaxe visual polos vieiros que percorren. “Os que nos levan á infancia, os que nos afastan da casa, os que nos transportan a outros lugares, os que manteñen o equilibrio, os que nos cruzan con outros destinos, os que manteñen crenzas e os que nos levan ao derradeiro descanso”, indican, recomendando ao público que non mire as fotografías presentadas como paisaxes ou retratos. “Son chanzos e silencios entre eles. Son os elos das cadeas do camiñar pola vida. Son bifurcacións que en moitas ocasións nos vimos na obriga de escoller. Cada imaxe é unha estación, un intre conxelado no tempo que fala de identidade, memoria e transformación”.

“A Otero Pedrayo, autor dun libro co mesmo titulo que a nosa exposición, serviulle para analizar e facer un fondo retrato da Galicia da súa época, da terra, da auga, do ceo e das xentes. Coas nosas imaxes, sen querer facer comparanzas co gran pensador galego e universal, ofrecemos tamén un pano de fondo onde reflexionar dende o propio pero coa idea de que os camiños que aquí contemplades son universais pois todos e todas transitamos por eles, todos deixamos algo atrás e levamos algo connosco”, aseguran, convidando a camiñar con eles. “A mirar, a lembrar e a sentir”.

 

Back to top button