En portadaÚltima hora

A Cea do Cocido de Piñeiro (Trives) cumpre 30 anos nunha noite marcada pola neve

 

A piques estivo de non poder celebrarse debido á neve pero finalmente a Cea do Cocido de Piñeiro (A Pobra de Trives), cumpría 30 anos cunha gran afluencia de público.

 

 

Arredor das oito da tarde do venres 23 de xaneiro, con todo listo na carpa instalada como cada ano para a ocasión, comezaba a nevar con forza nesta localidade trivesa facendo dubidar á organización se podería celebrarse, pero pronto paraba e con traballo extra por parte da organización e unha hora de retraso sobre a hora prevista inicialmente, arredor das 22 horas comezaba a cea abrindo por todo o alto as Festas de San Sebastián que se celebran na fin de semana.

 

 

Trátase dunha cita gastronómica pero sobre todo lúdica que nunca defrauda, nesta ocasión a pesar do tempo. Houbo algo menos de xente que o ano pasado, especialmente maiores que decidían non ir precisamente pola neve, pero coma sempre había moita mocidade da contorna, así como un bo número de colaboradores que á hora de servir ofreceron prestos a súa axuda.

 

 

O menú tampouco defraudou: un exquisito prato con carne de porco (orella, morro, androlla, chourizo e lacón) con patacas e repolo; de postre bica; viño, café e licores.

 

 

E coma sempre, xusto no momento en que a xente degustaba a bica, o café e os licores, o presidente da Asociación COPI, Justo, procedía á subasta dos produtos donados por diferentes colaboradores (viño, produtos cárnicos, cadros, roupa de cama,…), así como ao sorteo dos 500 euros coas rifas vendidas polos nenos na carpa.

 

 

Xa de madrugada a festa continuaba coa orquestra Miramar e Dj Josete que tamén desfrutaban do cocido.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button