
O grupo municipal do BNG do Barco vén de presentar unha moción de cara ao vindeiro pleno municipal ordinario de febreiro na que propoñen a creación dun eco-carril entre este concello e o de Vilamartín. “A Axenda Urbana do Barco de Valdeorras promove infraestruturas para mobilidade non motorizada, como redes de carrís bici e sendas peonís/ciclistas ao longo do Sil e afluentes, co obxectivo de fomentar o uso da bicicleta no núcleo urbano e conectar parroquias e municipios veciños (Rubiá, Vilamartín, A Rúa). Fálase accións como ampliar o carril bici actual dende o Malecón á Urbanización das Hortas e bolsas de aparcadoiro disuasorio para reducir o tráfico motorizado. Tamén se fala dunha rede peonil/ciclista supramunicipal, inspirada no PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible), priorizando peóns e bicicletas sobre coches”, sinala o BNG na moción.
Neste senso, o grupo nacionalista considesra que ” estas ideas van en liña da Axenda 2030 pero son algo vagas e non profundizan nunha ruta específica ou en datas para levar a cabo estes proxectos. Consideramos que ir desenvolvendo xa estas actuacións é importante por iso traemos ao pleno esta moción. O modelo que propón a moción (eco-vía) xa se desenvolveu en municipios como Vilanova de Cerveira-Valença e Monçao (Portugal) aproveitando os fondos NextGenerationEU”.
Ademais, dende o BNG apúntase que “este exemplo de ecopista, reutilizando antigas vías ou marxes fluviais para carrís bici segregados, aliña perfectamente cos plans da Axenda Urbana do Barco (ampliación de carrís bici no Malecón e redes peonís/ciclistas ao longo do Sil)”.
Por iso propoñen a creación dunha eco-vía dende “O Salgueiral ata Vilamartín seguindo o cauce do río Sil. Con isto, teríamos uns 10 km (ida e volta) de eco-vía ideal para bicicletas e persoas sen ter que compartir a ruta con vehículos motorizados”.