Máis dunha semana antes da cita, completábase o aforo (250 persoas) para a XI edición da Festa do Botelo do Barco na Coruña que se celebrará o sábado 7 de febreiro no Hotel Finisterre, organizada en colaboración co Concello do Barco.

O menú da comida está composto por empanada de maravallas e sopa de cocido, como entrantes, para seguir co prato principal con botelo, chourizos, cachelos e repolo. Como sobremesa, bica e todo regado con viños godello e mencía de Valdeorras, para rematar con café e selección de licores de Valdeorras.
Ademais do botelo como protagonista, celebrarase un Túnel do Viño dirixido por expertos sumilleres do equipo de Luis Paadín, en cuxa celebración colabora o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.