O vindeiro venres 6 de febreiro, o Centro Social Santa Lucía, en Vilamartín de Valdeorras será o escenario dun encontro onde a literatura e a solidariedade únense para devolver a vida aos nosos montes.
Ás 19 horas terá lugar a presentación oficial de Ave Fénix: La tierra renace, unha antoloxía solidaria cuxos beneficios se destinarán integramente á repoboación dos montes calcinados o pasado verán. Trátase dunha obra colectiva que latexa coa voz de máis de 40 autores, entre os que destacan empresarios, directores de cinema, actores e influencers, que uniron os seus relatos e poemas nun berro de esperanza.

Durante a xornada, os asistentes terán a oportunidade de coñecer de preto o proxecto e participar nunha firma de libros con varios dos autores colaboradores. Para celebrar este renacer colectivo, ao finalizar o acto haberá unha degustación de produtos galegos, contando coa colaboración de Embutidos García Marcos e a Adega Alán de Val, “un brinde polo futuro da nosa terra”, aseguran dende o Concello, indicando que a entrada é libre ata completar aforo e que “é o momento de demostrar que, cando a terra arde, o corazón de Valdeorras únese con máis forza que nunca”.