CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

No CEIP Condesa de Fenosa “non queremos renunciar á fermosa utopía dun mundo mellor”

O centro escolar barquense celebraba, como cada ano, o Día Mundial Escolar da Non Violencia e da Paz

 

Un ano máis o alumnado do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Bareco de Valdeorras celebraba o Día Mundial Escolar da Non Violencia e da Paz. “Nesta ocasión reunímonos no salón de actos do colexio e diante dun mapamundi sinalamos aqueles puntos do planeta que sofren a sinrazón da violencia, da discriminación e do maltrato”, explican dende o centro escolar.

Xa nos días previos ao acto cada clase de Primaria investigou sobre un conflito existente na actualidade no mundo, situando no mapa a zona, pescudando as orixes e as causas do mesmo. “Tamén discutiron que é o que se debe facer diante de cada un dos problemas que se investigaron nesta semana”, puntualizan. Pola súa banda o alumnado de Infantil imprimiu as súas mans nuns anaquiños de cartolina.

 

 

E na mañá do vernes 30 de xaneiro, durante o acto, o alumnado de Primaria foi saíndo e informando das súas procuras sobre cada un dos conflitos, colocando unha bandeira que identificaba o problema existente en cada zona: o “xenocidio en Gaza”, o “exterminio dos rojinya en Birmania”, a “discriminación das mulleres en Afganistan”, a “guerra en Ucraína”, o “conflito en Groenlandia”, os “desmáns da ICE americana na persecución racista do inmigrante”, as “guerras de baixa intensidade na República Centroafricana, no Congo, Etiopía e Sudán”, as “loitas das distintas faccións en Siria” ou a “represión dos Kurdos baixo os distintos países que se reparten o seu territorio”.

 

 

Tras a exposición o alumnado de Infantil colou no mapamundi as súas mans, “as mans que poden construír un mundo máis xusto e alonxado da violencia”, aseguran dende o colexio. Ttras esta intervención volveron saír os representantes de cada clase que arrincaron as iconas dos conflitos, propoñendo solucións para que volvese reinar a paz neses lugares do mundo.

O acto remataba cantando todos xuntos o Imagine de John Lennon, “un canto no que maxinamos un mundo onde as causas dos odios e das guerras desaparece e a humanidade pode, ao cabo, construír un mundo unido e solidario, porque nós, no Condesa de Fenosa, non queremos renunciar á fermosa utopía dun mundo mellor”.

 

 

Fotos cedidas.

Back to top button