Sen novidades. Segundo o previsto a Festa do Codillo da Rúa volvía encher o pavillón municipal Victorino Núñez nunha animada XVII edición. No mediodía deste sábado 25 de xaneiro, trala homenaxe á Panadería Tabal no Centro Cultural Avenida da Rúa, celebrábase o tradicional xantar popular ao que asistían preto de 1.300 persoas con animación musical da charanga Os Caliqueños e o Dj JLD que animaban a tarde, coa colaboración do CD Rúa no bar.


E entre medias, un ano máis ao ritmo de bandas sonoras cada vez que aparecían os camareiros, os asistentes degustaron o menú de luxo. Como entrante, Consomé con Picatostes ao ritmo de O Tren (Andrés Dobarro); como prato principal, Codillo acompañado de Grelos, Chourizo e Cachelos ao ritmo de Pretty Woman (Azteck, Pitbull e Gabry Oonte); e de sobremesa, Sorbete de Limón ao Cava de Almendralejo ao ritmo de Mi limón, mi limonero (Ray Richardson), Bica e La Torta ao ritmo de Sweet Caroline (Neil Diamond). O café e os licores eran servidos ao ritmo de Vivir Así es Morir de Amor (Camilo Sexto).


Entre os asistentes, coma sempre xente de todas as idades, moitos da Rúa, do Barco, de Rubiá,…, a delegación de Almendralejo, xente de Valladolid,… Tamén políticos, representantes dos concellos veciños; o director da Axencia de Turismo de Galicia, o rués Xosé Manuel Merelles; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; entre outros.
O programa deste 2026 da fin de semana do o Codillo rematará mañá coa proxección do filme Song, Sung Blue ás 19:30 horas no Centro Cultural Avenida.






Fotos: Carlos G. Hervella.