Un ano máis, fieis á cita aínda que un pouco máis cedo que noutras ocasión, a tradicional Festa do Chourizo de Vilanova vivía na tardiña do sábado 31 de xaneiro, o momento máis esperado con numerosas persoas no monte, comendo, bebendo e cantando a carón das fogueiras, para facer fronte ao frío e tamén asar as viandas, nunha xornada de transición na que a persistente chuvia daba unha tregua. Trátase dunha celebración con máis dun século de historia, tan tradicional como festiva e mesmo cooperativa, en contacto directo coa natureza na que cada quen aporta algo, co único obxectivo de desfrutar da tarde.





Con todo, a programación incluía a andaina pola mañá organizada polo Club Montaña Trives; a misa solemne na honra á Virxe das Candeas amenizada polo Orfeón Trives, procesión e sesión vermú coa Charanga Nova de Trives e pola tarde a preparación das fogueiras. O apartado musical, corría a cargo do grupo Takicardia e do Dj Bady.





A festa continuaba na xornada deste domingo 1 de febreiro na honra a San Brais, cun pasarrúas amenizado pola Charanga; misa e procesión con sesión vermú a cargo da mesma charanga.





Fotos: Carlos G. Hervella.