En portadaÚltima hora

Reunión para coordinar ás forzas e corpos de seguridade no dispositivo do Entrudio de Viana

Esta celebración estréase como Festa de Interese Turístico Nacional e terá lugar do 5 ao 18 de febreiro

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, coordinou hoxe ás forzas e corpos de seguridade implicados no dispositivo especial para controlar o Entrudio 2026 de Viana do Bolo na súa estrea como Festa de Interese Turístico Nacional. A celebración terá lugar do 5 ao 18 de febreiro e agárdase maior afluencia na Festa da Androlla o día 15 e o martes de Entroido, día 17.

Eladio Santos copresidiu co alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, a Xunta Local de Seguridade ordinaria do municipio, na que se abordaron a seguridade nas festas, a evolución da criminalidade, os datos de violencia de xénero e o Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas. Na reunión participaron tamén a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense, Alida Iglesias, e representantes da Xunta, da Policía Local e da Garda Civil.

O subdelegado animou á cidadanía a desfrutar da tradicional festa do Entrudio, na que se agarda un aumento da asistencia respecto a anos anteriores debido á súa recente declaración como Festa de Interese Turístico Nacional. Por elo, fixo un chamamento a cumprir as normas establecidas para o correcto funcionamento da programación e pasalo ben “con prudencia e responsabilidade”.

 

 

Respecto á seguridade cidadá, a Garda Civil fixo un repaso dos datos estatísticos relativos á criminalidade no termo municipal de Viana do Bolo, no que destaca a diminución dos delitos graves en máis dun 12% no 2025 respecto ao 2024. “Este é un municipio seguro e tranquilo, exemplo de convivencia, polo que quero felicitar á Garda Civil pola súa entrega”, expresou o subdelegado.

Violencia de Xénero

En canto aos datos de violencia de xénero, no municipio de Viana do Bolo hai 6 casos activos, o mesmo número que na anterior Xunta Local de Seguridade celebrada hai un ano, e en Vilariño de Conso hai un caso activo, un menos que o ano anterior. Ao respecto, Eladio Santos lamentou que “a violencia sobre a muller segue a ser un problema grave e estrutural, cuxa erradicación require a implicación de toda a sociedade e das distintas Administracións públicas”.

Plan Director

Respecto ao repaso das estatísticas relativas ao Plan Director, a Garda Civil ofreceu nove charlas no municipio durante o presente curso escolar, ás que acudiron uns 200 alumnos e alumnas de educación secundaria e 60 de educación primaria. Os temas máis solicitados foron a prevención de condutas adictivas e ciberacoso.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button