EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Os empresarios da Raña marcan a súa folla de ruta para 2026 coa seguridade contra incendios e contra roubos como prioridade

A asociación deste polígono celebra a súa asemblea xeral ordinaria dando prioridade a levar a cabo medidas urxentes para protexer o poligono ante futuras emerxencias

 

A Asociación de Empresarios do Polígono da Raña vén de celebrar o 3 de febreiro a súa asemblea anual ordinaria, un encontro clave que reuniu a gran parte dos seus membros para definir as liñas mestras do exercicio 2026. Nunha sesión marcada pola continuidade institucional e a preocupación pola seguridade, o colectivo empresarial poñía sobre a mesa as demandas históricas e os novos retos que afronta a área industrial.

Nova etapa co Concello

Comentando a nova etapa no Concello do Barco, poñen as súas expectativas na boa colaboración que se espera co recentemente nomeado alcalde, Aurentino Alonso, quen asumiu o cargo tras a saída de Alfredo García. Os empresarios expresaron a súa confianza en Iniciar “unha etapa de estreita colaboración co rexedor, esperando que esta nova interlocución axilice as peticións que o colectivo trasladou ao Concello para mellorar os servizos e a infraestrutura do polígono”.

A ameaza do lume: leccións aprendidas

A memoria dos incendios forestais que azoutaron a comarca nos últimos anos sobrevoou a reunión. Os asociados subliñaron a gran problemática dos incendios e a vulnerabilidade do parque empresarial ante estes incidentes.

Retos para 2026

Ademais establecíanse unha serie de retos de cara a este novo ano que comeza:

– Facilidades de actuación: Acordouse solicitar ao Concello e ás autoridades competentes maiores facilidades e protocolos claros para atallar calquera foco de lume de forma inmediata.

– Prevención: Insistiuse na necesidade de manter limpos os perimetros e mellorar a rede de hidrantes para garantir unha resposta rápida en caso de emerxencia.

Ademais de abordar o tema da seguridade, a asemblea serviu para revisar o estado das infraestruturas actuais e as peticións realizadas ao Concello durante o pasado ano, “que inclúen melloras na iluminación, a sinalización e o mantemento de viais, fundamentais para a competitividade das empresas instaladas na Raña”.

Tamén se renova a petición de instalación de cámaras que controlen os accesos ao poligono, para que sirvan polo menos como efecto disuarorio, dando aos amigos do alleo algo que temer:

Dáse importancia á colaboración estreita coa Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) neste 2025, “sobre todo co tema da ampliación do Poligono que se anunciou en 2021 e que aínda segue paralizada, ademais do interese de varias empresas asociadas de AEVA que buscaban parcelas para instalarse”, din dende a Asociación de Empresarios do Parque Industrial da Raña.

Ademais, dende a directiva desta entidade “agradécese a Teresa e Carlos (AEVA ) a súa implicación, e anúnciase que seguirán levándose a cabo estas colaboracións polo ben común das 2 Asociacións e a comarca”.

Finalmente esta asociación daba a benvida a un novo socio, Barco Metall. A xuntanza concluía cunha pinchada “como obsequio e agradecemento aos socios asistentes, emprazándolles ata unha nova reunión”.

Back to top button