EconomíaEconomíaÚltima hora

Os supermercados de Gadis únense á campaña “A compra da túa vida”, da AECC

Ponse en marcha este venres, día 6, e estará activa ata o 15 de febreiro en todos os Gadis de Galicia e Castela e León

 

Gadis volve participar na campaña solidaria “A compra da túa vida”. É o quinto ano consecutivo que apoia esta iniciativa da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), que ten como obxectivo conseguir fondos para financiar proxectos de investigación científica e para facilitar a asistencia integral dos pacientes e a súa contorna familiar.

A campaña ponse en marcha este venres, día 6, e estará activa ata o 15 de febreiro en todos os Gadis de Galicia e Castela e León co fin de ampliar o seu alcance. Como en anos anteriores, a forma de colaborar é mediante doazón económica a partir de 1 euro ao pasar por caixa.

Desde Gadis agradecen de antemán a solidariedade dos seus clientes, que sempre apoian esta acción que se desenvolve ao fío do Día Mundial contra o Cancro. Así, a súa xenerosidade permitiu entregar á AECC preto de 80.000 € nas últimas catro edicións.

Ademais de recadar fondos, esta iniciativa contribúe a aumentar a sensibilización social sobre a prevención e a subliñar a importancia de avanzar nos estudos científicos, fortalecer a asistencia sanitaria e mellorar o benestar dos pacientes a través dunha atención integral.

“O compromiso de Gadis coas persoas reflíctese no seu programa de Responsabilidade Social Corporativa, no que prioriza alianzas estratéxicas con organizacións do terceiro sector que traballan de forma integral no ámbito da saúde”, sinala esta cadea.

Ademais do apoio a diferentes iniciativas que a AECC desenvolve ao longo do ano, a cadea de supermercados tamén colabora con asociacións como Asotrame (Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares e Enfermidades Oncohematolóxicas) ou a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). Estas colaboracións céntranse en tres eixos: visibilización da enfermidade, fomento da prevención e financiamento da investigación científica.

Back to top button