CulturaCulturaÚltima hora

Presenza trivesa na promoción do Camiño de Sant Jaume, en Santa Coloma de Gramanet (Barcelona)

 

Na xornada do sábado 7 de febreiro, o director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles participaba na reunión da III Asemblea da Federación de Asociacións de Amigos do Camiño de Sant Jaume, en Santa Coloma de Gramanet. Un entrañable acto de presentación e promoción do “Camiño Mediterráneo” a Santiago que están tratando de legalizar, ao que acudía xente de diferentes partes de España, entre elas das terras de Trives, así como membros da Comandancia da Garda Civil que presentou a Alert Cop (a Aplicación que protexe aos peregrinos).

 

Merelles durante a súa intervención.

 

Durante a súa intervención, Merelles convidou aos membros desta entidade a que “contribúan a deseñar o Xacobeo 2027 ideando proxectos e accións que impliquen a sociedade en xeral e que conecte aínda máis a cultura e a tradición xacobea das distintas comunidades autónomas que une o Camiño de Santiago”.

Salientou o traballo realizado polas 15 asociacións de Amigos do Camiño de Sant Jaume de Cataluña, que fomentaron que a ruta que discorre pola comunidade catalá e conecta co Camiño Francés, “cobre un novo impulso, nun momento ademais de pleno auxe”, dixo, no que se superaron en 2025, o medio millón de compostelas entregadas, un 6% máis que en 2024. Referíndose aos peregrinos que parten de Cataluña, o director de Turismo destacou que o pasado ano foron 21.811, un 4% máis das que en 2024.

 

Xunto á mouteira colocada onte a carón da igrexa de Santa Coloma.

 

No decurso da súa participación, o director de Turismo de Galicia subliñou que “desde a Xunta de Galicia estase a traballar no deseño do Xacobeo 2027, para o que se contan con ferramentas coma o Plan Director dos Camiños de Santiago, que se fixa o horizonte na aposta pola sustentabilidade, a innovación, a colaboración e a accesibilidade. Ademais, referiuse ao plan de seguridade viaria que tenta mellorar as vías polas que transcorre o Camiño de Santiago e tamén salientou a rede pública de albergues do xacobeo, un servizo posto a disposición dos peregrinos.

 

Xunto ao río Besós, no “museo ao aire libre máis grande do mundo”, con case 4 km de murais.

 

Ademais, Xosé Merelles salientou o Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027 presentado esta semana que pretende organizar a xestión dos eventos patrocinados con fondos públicos ligados a esta celebración. “Neste itinerario cara o Xacobeo 2027 esperamos contar coa súa implicación e complicidade”, convidou o director de Turismo de Galicia solicitando que participen no deseño dunha programación que interese a toda a sociedade e que incremente a pegada xacobea.

 

Xunto ao río Besós, no “museo ao aire libre máis grande do mundo”, con case 4 km de murais.

 

Fotos cedidas.

Back to top button