
Axentes da Policía Nacional veñen de proceder á detención dun individuo como presunto autor de polo menos catro delitos de roubo con forza en interior de vehículo e un máis de estafa por realizar compras facendo uso dunha tarxeta bancaria subtraída.
“As investigacións levadas a cabo polo Grupo UDEV (Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta) da Brigada de Policía Xudicial, acreditan a participación do presunto autor nos feitos, todos eles acaecidos durante o mes de xaneiro e cuxo “modus operandi” era similar”, segundo a Policía Nacional.
O arrestado accedía aos vehículos estacionados en varias rúas sitas no barrio de “O Vinteún “tras fracturar o cristal dunha das súas portas, valéndose para iso de sumidoiros situados na vía pública, para posteriormente acceder ao seu interior e subtraer diferentes obxectos.
Entre os obxectos subtraídos nun dos vehículos, o arrestado apoderouse unha tarxeta bancaria coa que realizou diferentes compras.
Practicadas todas as xestións e dilixencias tendentes ao esclarecemento dos feitos por parte da unidade investigadora, o detido foi posto ao dispor da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia en funcións de garda, que decretou o seu ingreso en prisión.
“A detención prodúcese como culminación dos labores de prevención e investigación desenvolvidas por distintas unidades policiais da Comisaría Provincial de Ourense, incardinadas dentro dun dispositivo policial específico, para a loita contra os roubos con forza en locais comerciais e interior de vehículos”, sinala a Policía Nacional.