
O recentemente elixido presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), David Martínez Alonso, vén de realizar unha visita institucional á sede de AEVER Verín, a Asociación de Empresarias e Empresarios de Verín, nun encontro “marcado pola cordialidade e o gran entendemento mutuo”, tal e como indica esta entidade.
O responsable da patronal ourensá estivo acompañado polo secretario xeral da CEO, Jaime Pereira, e foi recibido pola presidenta de AEVER, Esther Gómez, xunto coa tamén nova xerente da entidade, Beatriz Duarte Lorenzo, que vén de asumir este martes o cargo en substitución da súa predecesora.
Durante a reunión, ambas partes expuseron os principais proxectos e liñas estratéxicas das súas respectivas organizacións, poñendo en común iniciativas orientadas ao fortalecemento do tecido empresarial da comarca de Verín, ao impulso do emprendemento e á mellora da competitividade de Pemes e persoas autónomas.
O encontro concluíu co compromiso de establecer un acordo de colaboración mutua entre a CEO e AEVER Verín, co obxectivo de coordinar accións conxuntas, compartir recursos e reforzar a representación e defensa dos intereses empresariais na zona.

Tanto David Martínez Alonso como Esther Gómez salientaron a importancia de traballar desde a unidade e a cooperación institucional para afrontar os retos actuais do sector empresarial e xerar novas oportunidades de desenvolvemento económico para Verín e a súa comarca.
Esther Gómez, a presidenta de AEVER, quixo agradecer “a sensibilidade que amosou o novo presidente da CEO, institución coa que contaremos a miúdo por sermos tamén uns recén chegados a esta nova responsabilidade. Somos conscientes que, como en case tódolos ámbitos, a cooperación, colaboración e creación de sinerxias son fundamentais para manter vivo e impulsar o tecido empresarial ourensá ante as continuas ameazas que sufre do exterior”.
David Martínez incidiu en que “esta nova presidencia, xunto co meu equipo, non só está a dispor de todos os seus asociados, senón que ábrese, como non pode se doutro xeito, a toda institución pública ou privada que teña un proxecto e gañas de situar a Ourense no nivel que merece pola grande terra que é, de xente valente e traballadora”.
Fotos cedidas.
