O Centro Cultural Avenida da Rúa acollía esta mañá a presentación de Pequeños y Gigantes, un videopodcast de seis episodios que, seguindo o lema da campaña de promoción da D.O. Valdeorras, “O valor do pequeno”, quere poñer en valor á comarca e a súa realidade, a través das persoas que a habitan, amosando desde dentro a súa forma de vivir, traballar e relacionarse coa terra.
O presidente do Consello Regulador, Marcos Prada Ginzo, abría o acto agradecendo ao Concello da Rúa “a cesión dos seus espazos para a posta en escena, realización e presentación deste proxecto compartido”. Indicaba ademaia que o videopodcast é “a última acción promocional que levou a cabo, dentro dun Plan de Promoción que se puxo en marcha a finais do ano 2023”, co obxectivo de “transmitir modernidade, sen deixar de lado a esencia do que somos”, optando por “mesturar formatos tradicionais con outros máis innovadores”.

Os seus protagonistas son profesionais cunha gran experiencia e unha ampla traxectoria no mundo do viño, entre eles enólogos, xerentes de adegas e viticultores. “O videopodcast busca romper estereotipos sobre o mundo rural, humanizar a agricultura e xerar unha conexión emocional co territorio mediante conversacións honestas, próximas e sen artificios”. Así o presentou Alicia Van Assche, responsable de contidos da axencia creativa Mil Ojos Producen, que traballou sobre a súa montaxe, xunto co seu equipo, co fin de visibilizar que os lugares pequenos tamén xeran “relatos potentes, contemporáneos e con capacidade de inspirar dentro e fóra das súas fronteiras”.
Segundo explicaron, a serie reúne a persoas do lugar para falar, sen guións nin artificios, do que significa vivir, traballar e resistir no mundo rural hoxe.
Cada episodio, dun total de seis e de media hora de duración cada un, pon en diálogo experiencias reais: a relación coa terra, o peso da tradición, os retos da agricultura, os tópicos entre o urbano e o rural e a elección consciente de quedarse. Un retrato íntimo e contemporáneo dun territorio pequeno pero cheo de carácter, que reivindica a autenticidade, a identidade e a forza de quenes o fan latir.
O primeiro capítulo da serie estrearase o vindeiro día 3 de marzo, e poderá verse na web e nas redes sociais do Consello Regulador. A partir desa data, presentarase un capítulo cada quince días.
Pequeños y Gigantes “é unha invitación a mirar o rural con máis respeto, máis atención e sen condescendencia”, din dende o consello regulador.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
