EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O viñedo e as adegas constitúen o 3,1% do PIB da comarca de Valdeorras

Un estudo da Fundación Juana de Vega cifra en 512 millóns de euros a produción anual da cadea vitivinícola en Galicia e destaca o papel estratéxico das cinco DOP da comunidade no desenvolvemento rural, na vertebración do territorio e na fixación de poboación

Foto: Carlos G. Hervella.

 

A cadea vitivinícola galega, que integra viticultura e elaboración de viño, xera unha produción anual de 512 millóns de euros e un Valor Engadido Bruto (VEB) de 313 millóns, ademais de 4.563 empregos directos en Galicia. Así o recolle o estudo sectorial “Viño, territorio e valor: o impacto económico das DOP vitivinícolas de Galicia” editado pola Fundación Juana de Vega. Os autores son Alfonso Ribas Álvarez, Edelmiro López Iglesias e José Manuel Andrade Calvo.

No estudo ofrécese unha estimación actualizada e territorializada do impacto económico e social da cadea vitivinícola galega e das súas Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) no período máis recente dispoñible (2022–2024), integrando información procedente das Contas Económicas de Galicia, do Marco Input-Output e outras operacións do Instituto Galego de Estatística (IGE), do Ministerio de Agricultura (MAPA), do Censo Agrario e da Rede Contable Agraria Nacional (RECAN).

Segundo o informe, o viño representa o 7,15% do VEB do complexo agroalimentario galego e o 0,45% do VEB total da economía galega. Aínda que o seu peso agregado é moderado, destaca unha elevada capacidade de xeración de valor, unha forte especialización territorial e unha crecente orientación cara a segmentos de maior calidade e prezo.

A análise confirma, ademais, a profunda transformación estrutural do sector nas últimas dúas décadas. As exportacións triplicáronse practicamente desde 2008 e a taxa de cobertura comercial (relación entre exportacións e importacións) pasou do 23% ao 86% en 2021, reducindo de forma moi significativa o déficit comercial do viño galego. O dinamismo é especialmente salientable nos mercados extracomunitarios, onde os viños galegos reforzaron o seu posicionamento en gamas medias e altas.

O peso da especialización vitivinícola

As cinco Denominacións de Orixe Protexidas de Galicia (Rías Baixas, O Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei) constitúen o núcleo económico do sector vitivinícola galego. Na campaña 2022-2023 comercializaron 47,5 millóns de litros por un valor de 337 millóns de euros, o que equivale ao 7,8% do valor total das DOP vitivinícolas españolas, pese a contar só co 1,6% da superficie inscrita e o 4,6% do volume producido en España.

Esta elevada ratio de valor confirma o posicionamento de Galicia como unha rexión especializada en viños de calidade e alto prezo medio. En particular, Rías Baixas concentra o 65% do valor económico total do viño con denominación en Galicia, seguida de Valdeorras, O Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei.

 

 

O impacto territorial de cada DOP

O impacto territorial das cinco denominacións é especialmente relevante. No estudo estímase que as DOP xeran directamente 206 millóns de euros de VEB, o que supón o 1,9% do PIB dos municipios onde se sitúan. En determinadas comarcas, o viñedo e as adegas constitúen un dos principais motores económicos: en Monterrei representa o 3,4% do PIB, en Valdeorras o 3,1% e o 2,8% no Ribeiro, evidenciando a súa capacidade de dinamización económica e fixación de valor no territorio. No caso de Rías Baixas, aínda que é con diferenza a denominación de maior dimensión, o seu peso relativo no PIB dos concellos integrados é máis moderado (1,76%). Isto explícase pola súa ampla extensión territorial e pola maior diversificación económica dalgunhas das súas áreas, especialmente na subzona do Salnés. Pola súa banda, na Ribeira Sacra a contribución directa da DOP ao PIB municipal sitúase no 0,99%, unha cifra condicionada polo menor peso relativo do viñedo no conxunto da estrutura económica dos concellos que integran a denominación.

As cinco denominacións suman arredor de 4.270 postos de traballo directos, equivalentes ao 3,1% do emprego total nos seus territorios, moi por riba do 0,39% que o conxunto da cadea vitivinícola representa no emprego galego.

O informe tamén identifica diferenzas estruturais entre denominacións. Rías Baixas destaca pola súa elevada produtividade industrial e forte orientación exportadora, mentres que Monterrei e Valdeorras presentan maiores niveis de produtividade laboral global. Pola contra, Ribeira Sacra e O Ribeiro afrontan maiores condicionantes estruturais derivados da fragmentación parcelaria ou da viticultura en pendente.

Neste estudo, a Fundación Juana de Vega conclúe que o viño galego non é só un produto agroalimentario, senón un motor económico clave para o rural, con capacidade para xerar valor, emprego e vertebración territorial, aínda que con dinámicas diferenciadas que requiren estratexias adaptadas a cada denominación.

En conxunto, os resultados poñen de manifesto que as DOP vitivinícolas non son só un instrumento de calidade, senón o verdadeiro eixo de xeración de valor económico do viño galego. Galicia construíu arredor delas un modelo cada vez máis orientado ao valor, á exportación e á diferenciación, pero tamén máis dualizado territorialmente.

“A consolidación deste modelo, sinalan os autores, require de políticas públicas diferenciadas que, por unha banda, reforcen a competitividade, a innovación e a proxección internacional das denominacións máis dinámicas, e, pola outra, garantan a viabilidade económica, social e ambiental daquelas zonas nas que o viñedo cumpre unha función insubstituíble na vertebración do territorio e na fixación de poboación”.

Back to top button