Na xornada do venres 6 de marzo tiñan lugar as primeiras actividades programadas polo Concello de Ribas de Sil para conmemorar o Día Internacional da Muller. A concelleira de Igualdade, Rosy Quiñones, participaba nunha xornada moi especial cos nenos e nenas do CEIP de San Clodio, que compartiron un acto coas persoas residentes na Residencia de Maiores de Ribas de Sil. Xuntos participaron nun xogo de bingo moi particular no que foron repasando figuras femininas salientables da historia, como María Pita, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Maruxa Mallo, María Casares, María Concepción Pérez Iglesias ou Clara Campoamor. Durante a actividade, o persoal do centro de maiores explicou ás persoas asistentes a pegada e a importancia destas mulleres na nosa historia e na loita polos dereitos e pola igualdade.
Posteriormente, os pequenos trasladábanse á Casa do Concello, onde plasmaron nun traballo o aprendido ao longo da xornada, coordinados pola concelleira. Dentro da programación tamén se visitou a mulleres que desempeñan o seu traballo en distintos servizos e establecementos do municipio, como o supermercado local, o servizo de Correos e o Centro de Saúde, recoñecendo así o seu labor diario. Ademais, unha mesa informativa percorreu diferentes puntos repartindo material de sensibilización e divulgación.

Homenaxe á muller decana do concello
E na tarde deste domingo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o equipo de goberno do Concello de Ribas de Sil achegáuse ata Peites para entregar un ramo, en nome de todos os veciños e veciñas do concello, á muller máis maior do termo municipal, Jimena Mondelo Díaz, que hai poucos días cumpriu 102 anos.
“Quere ser un recoñecemento á vida de Jimena, que representa a tantas e tantas mulleres que, desde hai moito tempo, levan traballado na construción da actual Ribas de Sil”, aseguran dende o Concello.
Jimena naceu en Peites o 3 de febreiro de 1924. Logo viviu en Barcelona e, hai uns 40 anos, regresou ao seu concello natal, onde vive na actualidade. Jimena asegura que é posible chegar ben aos 102 anos, e “dío unha muller que tivo que superar dificultades nos primeiros anos da súa vida”, din dende o Concello, explicando que durante a visita agradeceu o xesto do Concello e recibiu a todos con moi boa saúde e un excelente espírito.
“No ano do seu nacemento, España vivía baixo a ditadura de Primo de Rivera e o mundo atopábase nun período de grandes cambios tras a Primeira Guerra Mundial. Naquela época, as mulleres aínda non tiñan dereito ao voto en España. Non sería ata 1931 cando se recoñeceu o sufraxio feminino, grazas á defensa desta lei no Parlamento por parte de Clara Campoamor, que fixo posible que as mulleres puidesen votar por primeira vez nas eleccións. Ela hoxe pode votar”, aseguran.

Ata alí achegáronse o alcalde, Roberto Castro; a concelleira de Igualdade, Rosy Quiñones, que foi a encargada de entregar o ramo de flores; e as concelleiras María del Carmen González e Fina Alonso, esta última tamén veciña de Peites. “Grazas a Jimena e a todas as mulleres de Ribas de Sil, de hoxe e se sempre”, rematan dende o Concello de Ribas de Sil.
Fotos cedidas.