ConcellosQuirogaÚltima hora

A subdelegada do Goberno en Lugo supervisa os traballos de fresado e reparación do firme na N-120, en Quiroga

Olimpia López subliñou que as obras comezaron “en canto as condicións meteorolóxicas o permitiron” tras un inverno marcado por tres meses consecutivos de borrascas

 

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, visitaba as obras de mellora que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible está a executar na estrada N-120 ao seu paso polo Concello de Quiroga, unha actuación na que o Goberno inviste 3,2 millóns de euros para a rehabilitación do firme.

Durante a visita, Olimpia López destacou que esta actuación forma parte do “esforzo inversor que o Goberno está a realizar para reparar e modernizar a rede de estradas do Estado na provincia de Lugo, prestando especial atención aos tramos que presentan un maior desgaste”. Ademais, engadiu que neste tramo de actuación están a traballar máis de 20 persoas e 6 camións para reparar a estrada “canto antes”.
Os traballos consisten principalmente no fresado do pavimento existente e na posterior reposición e reparación do firme, co obxectivo de mellorar as condicións de circulación e incrementar a seguridade nun dos tramos que máis sufriu o intenso uso da vía e as condicións meteorolóxicas dos últimos meses.

A subdelegada lembrou que as intervencións comezaron en canto as condicións meteorolóxicas o permitiron, despois dun período excepcionalmente adverso marcado por case tres meses consecutivos de borrascas e episodios de choiva intensa, que dificultaron a execución de traballos de conservación viaria.
“O Goberno de España actuou con rapidez en canto foi posible desde o punto de vista técnico”, sinalou López, quen explicou que “as condicións climatolóxicas teñen unha influencia directa neste tipo de obras e é imprescindible garantir que se executen nas circunstancias adecuadas para que sexan duradeiras e eficaces”.
Neste sentido, a subdelegada asegurou que o Goberno é plenamente consciente do malestar expresado por condutoras e condutores neste tramo, explicando que “somos sensibles ás necesidades da veciñanza e das persoas que utilizan diariamente esta estrada, por iso estamos a actuar con decisión para mellorar os tramos máis deteriorados”, afirmou.

 

 

Olimpia López subliñou que a N-120 é unha infraestrutura estratéxica para a mobilidade e a actividade económica da provincia, polo que o Goberno mantén unha liña de traballo constante para garantir o seu correcto estado.

“A seguridade viaria é unha prioridade. Estas obras son unha mostra do compromiso do Goberno de España co mantemento e mellora das infraestruturas que conectan os nosos concellos e facilitan a vida diaria da cidadanía”, indicou.

Finalmente, a subdelegada incidiu en que o Goberno continuará reforzando os investimentos en conservación e mellora da rede estatal na provincia de Lugo, actuando de maneira prioritaria nos tramos que presentan maior deterioro co obxectivo de ofrecer estradas máis seguras, máis cómodas e en mellores condicións para todas as persoas usuarias.

 

Back to top button