CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Trives promove o ciclo “Ecos de Igualdade – Hora Violeta” para fomentar a reflexión social arredor do feminismo

O encontro reunirá o 21 de marzo na localidade a destacadas voces do feminismo, da investigación social e da comunicación para abordar os retos actuais da igualdade

 

O Concello da Pobra de Trives organiza este mes de marzo o ciclo “Ecos de Igualdade – Hora Violeta”, unha iniciativa destinada a promover a reflexión, o diálogo e a sensibilización social arredor da igualdade entre mulleres e homes.

A primeira sesión celebrarase o sábado 21 de marzo ás 16:00 horas no Auditorio Julio Vázquez, nun encontro aberto á cidadanía que reunirá diferentes voces do ámbito do feminismo, da investigación social e da comunicación.

O programa contará coa participación da escritora, directora de cine e activista Mabel Lozano, recoñecida polo seu traballo de denuncia da trata e da explotación sexual de mulleres. A súa traxectoria foi distinguida, entre outros recoñecementos, co Premio Goya ao Mellor Curtametraxe Documental, así como con diversos premios polo seu labor de sensibilización social.

Tamén participará a socióloga Rosa Cobo Bedía, profesora da Universidade da Coruña e unha das voces máis relevantes do pensamento feminista contemporáneo en España. Autora de numerosos ensaios sobre feminismo e desigualdade, a súa traxectoria foi recoñecida con galardóns como o Premio Carmen de Burgos, o Premio do Club de las 25, a Comadre de Ouro ou o Premio Isabel Oyarzábal, entre outros.

A xornalista e escritora Alicia Orriols completará o encontro cunha intervención centrada na saúde mental e na resiliencia. No seu libro Mirar de frente, aborda a necesidade de romper o silencio arredor do suicidio e de abrir espazos de diálogo que contribúan ao coidado emocional e ao apoio entre as persoas.

Co ciclo “Ecos de Igualdade – Hora Violeta”, o Concello da Pobra de Trives busca crear un espazo estable de encontro e reflexión sobre os retos actuais en materia de igualdade de xénero, feminismo e dereitos das mulleres. A iniciativa terá continuidade nos vindeiros meses con novas actividades orientadas a promover o debate e a sensibilización social.

A actividade conta coa colaboración do Ministerio de Igualdad, no marco das accións impulsadas a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, destinadas a apoiar proxectos de prevención, sensibilización e promoción da igualdade.

Back to top button