
Do 15 ao 17 de marzo desenvolverase na cidade de Düsseldorf (Alemañae) a 36º edición da feira internacional ProWein. Nela estará presente a Denominación de Orixe Valdeorras cun total de 30 viños amparados de 15 adegas diferentes. Serán 24 referencias de viño branco, todas elas da variedade godello, e outras 6 referencias de viño tinto.
Utilizando, tamén nesta ocasión, o formato do Túnel do Viño, a participación nesta mostra considérase “moi importante polos contactos que agardamos xerar, con importadores relevantes a nivel mundial”. Así o explica Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, quen pon o acento sobre a presenza estratéxica neste tipo de mercados internacionais co obxectivo de reforzar a promoción dos viños valdeorreses.
A delegación desta D.O. acudirá baixo o amparo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), integrándose co resto de denominacións vitivinícolas de Galicia.
A Feira
ProWein alcanza este 2026 a súa 36ª edición como unha das feiras vinícolas máis importantes a nivel mundial, sendo un referente para o canal de importación e exportación, que no seu anterior exercicio congregou a máis de 42.000 visitantes profesionais procedentes de 128 países.