
O Pazo de Vista Alegre en Ponte Ulla acollía neste venres o acto “35 anos facendo medrar o rural entre todos. O programa Leader, desenvolvemento e innovación territorial”. A súa clausura contaba co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacaba que os fondos Leader mobilizaron nos últimos 35 anos -desde a súa posta en marcha- un total de “1.000 millóns de euros na nosa comunidade”, un apoio moi importante ao desenvolvemento rural de Galicia que, defendeu, se debe manter na nova Política Agraria Común (PAC).
Rueda, que estaba acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, aseguraba que o financiamento mobilizado polo programa nestas algo máis de tres décadas permitiu apoiar “8.000 proxectos, consolidar 7.300 empregos e crear outros 5.300”.
O pasado mes de febreiro publicouse a nova convocatoria do Leader para os próximos tres anos -ata 2028-, dotada cun total de 28,7 millóns de euros, “a maior convocatoria que houbo nunca de fondos para estas axudas”, apuntou.
Rueda concretou que a importancia destas cifras radica en que se traducen nun impacto real no territorio, xa que permiten a posta en marcha de proxectos turísticos, a ampliación de instalacións de empresas, a diversificación da actividade económica no medio rural, a rehabilitación de edificios emblemáticos ou a atención social. En definitiva, “darlle vida ao rural” e que “os 313 concellos teñan un equilibrio para poder seguir vivindo cada un onde queira”, asegurou Rueda.
Neste sentido, eloxiou o traballo dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que hai en Galicia e o seu papel na xestión deste programa europeo. Os GDR son asociacións público-privadas sen ánimo de lucro que están constituídas por entidades de ámbito económico, social, cultural veciñal ou profesional da zona que se implican no reparto de axudas, na avaliación de proxectos ou no asesoramento de promotores. Así, considerou que este modelo, baseado na proximidade, é un acerto á hora de poñer en marcha iniciativas exitosas.