ConcellosO BarcoÚltima hora

Concentración no Barco para “parar a guerra en Oriente Medio”

 

A praza do Concello do Barco acollía no mediodía deste 14 de marzo unha concentración convocada pola plataforma “Parar la Guerra”. Era unha das 24 convocadas en Galicia nesta xornada. O acto abríao un representante desta plataforma en Valdeorras, quen explicaba que “unha das 130 organizacións que conforman a Plataforma Parar La Guerra é a Asociación Iraniana polos Dereitos Humanos. Esta asociación fundouse en 2009. A súa misión é a defensa dos dereitos humanos, inspirada nos mesmos principios que Amnistía Internacional”.

Ademais daba lectura a unhas verbas de de Fariba Ehsan, presidenta desta asociación, nas que condeaba “o goberno iraniano polas masacres que está a cometer”, pero tamén “o ataque militar dos Estados Unidos e Israel contra a poboación iraniana porque sabemos que a democracia e a liberdade non se poden levar a un pobo mediante bombas e ataques”.

 

 

Despois, unha veciña procedía a ler o manifesto da plataforma, cuxo encabezamento lanzaba a mensaxe de “hai que parar a guerra en Oriente Medio. Non esquezades Gaza”, nunha liña similar ás manifestacións de Ehsan, rexeitando o ataque a Irán, pero tamén o réxime dos aiatolás. “Chamamos ás e aos demócratas a condenar esta agresión, defender o dereito internacional e traballar por unha paz xusta e duradeira en Oriente Medio, que debe incluír o fin do xenocidio en Gaza e o recoñecemento dos dereitos do pobo palestino de acordo á legalidade internacional”.

Fotos: O SIL.

Back to top button