
A cidade de Lugo volvía situarse esta fin de semana como o epicentro do estudo da arte relixioso en Galicia. Baixo o título «Experiencia de Dios a través da arte 2026», a Diócese de Lugo celebra hoxe a súa segunda e última xornada dun encontro que busca “transformar os templos en espazos de aprendizaxe viva e espiritualidade”.
Organizadas pola Delegación Episcopal de Liturxia e Patrimonio Cultural, estas xornadas desenvólvense entre o Salón de Actos do Seminario Diocesano e a Catedral de Santa María. A edición deste ano puxo o foco na figura da Virxe María, analizando a súa representación desde a teoloxía, a devoción popular e, fundamentalmente, a riqueza plástica das obras que atesoura a provincia.

O patrimonio inmaterial da provincia cobrou un protagonismo especial na sesión matinal deste sábado. O relatorio central ha trasladado aos asistentes, da man do sacerdote Jesús Río Ramilo, ata o val de Quiroga para analizar a Romaría da Ermida, unha das manifestacións de relixiosidade popular máis singulares de Galicia e que se atopa na antesala da súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).
Baixo a cúpula do Seminario Diocesano, expertos e participantes debullaron a complexa simboloxía que rodea a esta celebración. O relatorio destacou como na Ermida conviven, nun equilibrio fascinante, a devoción mariana con elementos etnográficos únicos que afunden as súas raíces na tradición máis ancestral.

O Meco e as Pampórnigas: A alma do rito
O foco da charla centrouse nas figuras do Meco e as Pampórnigas, eses xigantes de estrutura de madeira que, coa súa danza e a súa estética case primitiva, acompañan á Virxe na súa procesión. «Non son só figuras festivas; son gardiáns dun patrimonio vivo», subliñou o párroco Jesús Río, durante a sesión.
A análise non esqueceu os exvotos, esas ofrendas que os fieis depositan no santuario como testemuño de fe e agradecemento por favores recibidos, e que constitúen un catálogo visual das esperanzas e penurias das xentes da zona.
Con esta mirada cara ao sur da provincia, o encontro de Lugo reafirma que o patrimonio sacro galego é unha herdanza tan diversa como inesgotable.
Fotos cedidas.