CulturaCulturaÚltima hora

Turismo de Galicia seguirá mellorando a seguridade dos peregrinos do Camiño de Inverno en Valdeorras

Xosé Manuel Merelles anunciaba novos proxectos para crear tramos complementarios en puntos como Carballeda de Valdeorras, O Barco e A Rúa

 

Van continuar as actuacións en tramos do Camiño de Inverno para seguir mellorando a seguridade dos peregrinos en determinados puntos nos que o seu trazado coincide con estradas. Así o anunciaba o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, na visita que realizaba neste 15 de marzo a Valdeorras.

De feito, adiantaba que xa está a información pública o proxecto de mellora de dous tramos dentro do concello da Rúa, “no marco dun plan que temos de quitar o Camiño de Santiago das vías nas que vai parello a estradas nas que hai circulación con vehículos a motor”.

Merelles concretaba que nesas dúas intervencións está previsto un investimento de máis de 300.000 euros. “Un deles, que a nós parécenos perigoso, é o trazado que vai entre a igrexa de Nosa Señora de Fátima e a parte onde está o aserradoiro da Cigurria. Aí imos facer un camiño complementario que vai subir ata a Casa Grande, cruzará a N-120 no acceso que hai ao Barranco Rubio e logo vai ir polo acceso que hai á N-120”. O director de Turismo de Galicia matizaba que será unha intervención similar á realizada en San Miguel de Outeiro (Vilamartín).

A outra intervención no paso desta ruta xacobea pola Rúa, será no traxecto que vai “dende a Residencia dos Pinos ata a fábrica de Autoneum, de xeito que se evite ese tramo que está por riba do parque de bombeiros e logo pola OU-533. Imos crear unha senda paralela á vía, pero que vai facer moito máis segura a camiñada ata saír do municipio da Rúa”.

 

 

Por outra banda, dentro do devandito plan para eliminar ou minimizar a convivencia da peregrinaxe coas vías nas que hai vehículos a motor, Turismo de Galicia prevé eliminar un tramo entre o municipio de Carballeda de Valdeorras e Éntoma (O Barco).

“E unha das obras máis importantes dentro deste plan está xa no concello do Barco entre o límite de Carballeda e a fábrica de grafitos, consideramos que esa estrada é perigosa, e ademais agora vai haber un acceso da circunvalación do Barco, entón imos eliminar ese traxecto que ía entre e as Sobradelo e as Casas Baratas do Barc. Aí faremos unha pasarela de xeito que o Camiño sexa máis seguro, para que haxa cada vez máis acollida e para que teña cada vez máis dotacións, tendo en conta que é un camiño que naceu hai dez anos e que imos dotando pouco a pouco”, dicía Merelles.

Tamén apuntaba que noutros puntos do Camiño, como é o caso de Quiroga (Lugo), tamén se prevén este tipo de intervencións, como é o caso de Lalín, e que tamén se están a realizar melloras no albergue municipal.

“A maiores hai un acordo coa Asociación de Concellos do Camiño de Inverno que permitiu mellorar a xestión dsta asociación e tamén facer promoción do propio Camiño. Recentemente gravouse un documental que vai emitir RTVE, é que un acordo que probablemente renovemos proximamente. Todo isto fai que dende a Xunta de Galicia esteamos traballando para que o Camiño de Inverno unha ruta cada vez máis recoñecida e transitada e que superemos eses 2.800 peregrinos que recibiron a Compostela o ano pasado, que se incrementen, e que Valdeorras poida ser cada vez máis unha comarca xacobea”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button