O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e do xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, participou hoxe na entrega de material de emerxencias a 77 agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre eles varios de Valdeorras (dos concellos do Bolo, A Rúa, O Barco e Petín). Trátase do equipamento adxudicado a través da orde dirixida aos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios galegos que conten con estes colectivos. A Xunta destinou a esta medida preto de 350.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2021-2027.
Así, entregáronse 35 kits de material loxístico de seguridade viaria a 12 concellos da Coruña, sete de Lugo, nove de Ourense e sete de Pontevedra; 32 kits de ferramentas eléctricas a 10 municipios da Coruña, cinco de Lugo, 11 de Ourense e seis de Pontevedra; e 10 tendas de campaña para atención ás emerxencias, a un concello da Coruña, tres de Lugo e seis de Ourense.

Segundo sinalou o conselleiro, a iniciativa enmárcase nas actuacións da Xunta dirixidas a dotar do equipamento necesario os concellos con servizos de protección civil e emerxencias, co obxectivo de reforzar a súa capacidade de resposta e garantir unha actuación eficaz e segura ante situacións de risco. Nesta liña, apuntou que nos últimos anos o Goberno galego leva investidos máis de 28 millóns de euros en equipamento aos servizos de emerxencias da comunidade, dos que máis de 15 millóns foron para Protección Civil.
Diego Calvo incidiu no compromiso do Goberno galego cos servizos de emerxencias, a pesar de ser unha competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación-, para contribuír a ofrecer a mellor resposta ante calquera incidencia e coa maior eficacia posible.

O conselleiro referiuse tamén a outras liñas de apoio impulsadas pola Xunta, como a orde anual de axudas ao funcionamento das agrupacións de voluntarios de Protección Civil, que se incrementou o pasado ano a 370.000 euros, e que beneficiou 200 colectivos. A maiores, a Academia Galega de Seguridade Pública imparte formación específica para o persoal dos servizos de emerxencias, tanto inicial como continua, cunha ampla programación anual que suma este ano 224 accións formativas con máis de 8.000 prazas.
Na súa intervención, Diego Calvo tivo ademais palabras de agradecemento e de recoñecemento ao labor desenvolvido de xeito altruísta polo persoal das agrupacións de voluntarios de Protección Civil para garantir a seguridade e o benestar da cidadanía.
Fotos cedidas.


Fotos: O Voluntariado de Protección Civil en Ourense e cedidas.