
O Concello de Parada de Sil volve facer unha clara aposta polo turismo como un dos motores máis importantes da súa actividade económica. Así o destaca o seu alcalde, Aquilino Domínguez, na véspera da apertura da nova tempada turística no municipio, que arrancará o 19 de marzo coa apertura do Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, a Colección Museográfica Casa del Chocolate e a oficina municipal. Estes tres lugares contan coa “Q” de Calidade de Turística en destino, ademais de ser membros da rede española de destinos Turisticos intelixentes.
Recorda Fernando Souza, o técnico de Turismo de Parada, que é necesario facer reserva previa das entradas tanto para o mosteiro como a Casa de Chocolate, así mesmo indica que funcionará o bus lanzadeira nesta Semana Santa, “no camiño da sostibilidade turística, coa que este concello está fortemente comprometido”.
Neste 2026, no que se agarda a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO, espérase unha grande afluencia de visitantes.
Tamén, e como novidade este ano, dende o Concello de Parada de Sil comunícase que a barreira que impide o paso ós vehículos privados, só estará levantada no horario de visitas ao Mosteiro.
Así mesmo o alcalde, co ánimo de facer máis atractiva a estancia dos visitantes, colocou no Alto do Eirado (Meda), na estrada Xunqueira de Espadañedo a Teimende, un tótem que dá a benvida e ten unha serie de fotos con algúns dos referentes do concello e cun deseño innovador.