PolíticaÚltima hora

O PSdeG PSOE de Ourense reivindica “meses de traballo para que as reclamacións fosen escoitadas” na recuperación das frecuencia do AVE na Gudiña

 

O PSdeG-PSOE de Ourense celebra a recuperación das frecuencias do AVE na estación da Gudiña – Porta de Galicia, tralo anuncio de hoxe por parte de Renfe e do Goberno. As e os socialistas destacan que “os meses de traballo intenso a tódolos niveis institucionais deron por fin os seus froitos e a reivindicación da cidadanía e veciñanza das comarcas do oriente ourensán foron escoitadas”.

Dende a organización provincial subliñan que este avance “non é froito da casualidade”, senón do traballo constante desenvolvido durante meses, tanto a nivel local como provincial, galego e estatal, así como do apoio “firme” ás demandas da veciñanza. Tal e como apuntan as e os socialistas ourensáns “dende o primeiro momento asumimos as reivindicacións como propias e convertémolas nunha prioridade política, levando a cabo unha intensa axenda de traballo con reunións, iniciativas institucionais e contacto permanente cos responsables estatais”. Unha labor que consideran “constante, silenciosa pero eficaz” e que tal e como apuntan “foi clave para desbloquear unha situación inxusta que prexudicaba gravemente ás comarcas do oriente ourensán”.

Asemade, o PSdeG-PSOE de Ourense lembra que subscribiu e apoiou dende o primeiro momento as reivindicacións da Plataforma Dereito ao Tren, por consideralas “fundamentais e transcendentes para as comarcas afectadas e para o conxunto da provincia”. As e os socialistas coincidiron sempre na necesidade de “recuperar as frecuencias perdidas a primeira hora da mañá e a última hora do día para facilitar as conexións e a mobilidade da veciñanza”.

 

 

No marco deste traballo, responsables do PSdeG-PSOE de Ourense mantiveron diferentes encontros coa plataforma, trasladándolle que “levamos meses traballando arreo nas distintas institucións para que a estación da Gudiña recupere as frecuencias do AVE”. Así, destacan a coordinación a tódolos niveis: “dende o ámbito local, cos alcaldes e alcaldesas da comarca ao fronte; a nivel provincial, dende a Executiva; no ámbito galego e tamén estatal, onde as nosas representantes levan meses traballando para lograr este obxectivo”.

As e os socialistas seguen incidindo en que o tren “non é un luxo, senón un dereito básico da cidadanía” e advirten de que “sen conexións útiles estamos condenando o rural ao illamento e a un lento esmorecemento”. Neste sentido, lembran que “levamos décadas loitando por contar con infraestruturas de calidade, pero de pouco serve ter unha estación moderna se os horarios non son prácticos para a veciñanza”. “Non pedimos privilexios, senón algo tan básico como que os horarios permitan ir e volver no día a Madrid e outros destinos, acudir a citas médicas, facilitar a mobilidade dos estudantes ou garantir o acceso aos servizos básicos sen depender do coche privado”, sinalan.

 

Back to top button