Dada a complexidade das coreografías e do vestiario, na Academia de Danza Bayadère do Barco levan xa meses preparando o festival de fin de curso tan agardado polas alumnas e sobre todo polas familias. Pero entretanto, bailarinas e profesora preparan tamén a participación en diferentes campionatos nos que cada ano brillan con luz propia.

Este ano non será menos e a primeira mostra xa a tivemos no CND España celebrado os días 20, 21 e 22 de marzo en Ourense no que destacaron en todos os bailes volvendo para casa cunha manchea de medallas.

Xa no primeiro día Eugenia Dobao e Isabel Fernández (11 e 12 anos) gañaban o segundo premio na categoría avanzado de Ballet Clásico dúos; e Ainhoa Murias Carrera levaba outros dous premios en sendos bailes de Fusión.

Na xornada do sábado seguían os premios. Un segundo para Luz González en Hip Hop individual; e o principal, un primeiro en grupo Urbano que lles dá o pase á fase nacional “que coincide con Vigo Porté”, di a profesora Nuria Reguera, moi emocionada e orgullosa das súas nenas.

E xa na terceira e última xornada, Bayadère Danza participaba con catro bailes e moi bos resultados. Candela Peña levaba dous segundos premios: B, en fusión por Rosalía e A, en folclore individual por Lola Flores. Tamén levaban un segundo en dúo por Último Capítulo; e finalmente outro segundo en flamenco grupo Por Alegrías.



Fotos cedidas.