
Axentes da UCRIF da Brigada Local de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría de Policía Nacional de Vigo-Redondela e do GOE da Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría de Ourense, procederon á detención de tres mulleres como presuntas autoras de delitos contra os dereitos dos traballadores e contra os dereitos dos cidadáns estranxeiros.
A operación policial comezaba en decembro de 2025, tras a denuncia interposta por unha traballadora dunha empresa de servizos de coidado a domicilio. “Segundo as pescudas, os responsables da mesma captaran a cidadás estranxeiras que se atopaban en España en situación irregular, para empregalas como coidadoras internas dunha muller maior e dependente, no Barco de Valdeorras. As vítimas eran sometidas a condicións laborais que vulneraban gravemente a normativa vixente, caracterizadas por xornadas extenuantes nas que unicamente se lles permitía gozar de dous días libres ao mes. Ademais, o sistema de descanso estaba suxeito a penalizacións económicas, xa que, se unha traballadora necesitaba días adicionais, a empresa esixíalle abonar do seu propio peto o salario da súa substituta. Todo iso complementábase cunha retribución precaria, percibindo salarios que se situaban moi por baixo do Salario Mínimo Interprofesional establecido polo Sistema Especial de Empregados de Hogar”, segundo informa a Policía Nacional.
Inspección e rexistro da empresa
A investigación, que incluíu a toma de declaracións e unha actuación conxunta coa Inspección de Traballo de Ourense, confirmou que a empresa empregaba de forma sistemática a cidadás estranxeiras carecedoras de autorización de residencia e traballo.
O pasado día 16 de marzo, en unión da comisión xudicial, levouse a cabo o rexistro da oficina da empresa. Durante o mesmo, os axentes interviñeron abundante documentación que corroboraba o relato das vítimas, procedendo de inmediato á detención das dúas responsables do negocio.
“Polo momento detectáronse 7 vítimas, non descartándose a identificación doutras tras a análise da documentación intervida no rexistro da empresa”, tal e como indica a Policía Nacional
Terceira detención e resolución
Continuando coas dilixencias, o pasado día 18 foi detida unha terceira persoa, familiar da persoa beneficiaria dos coidados. “Púidose determinar que esta persoa non só contrataba os servizos e permitía as condicións abusivas dos mesmos, senón que en ocasións promovera por si mesma e sen a empresa como intermediaria, a chegada de traballadoras estranxeiras en situación ilegal para realizar eses traballos”, conclúe a Policía Nacional.
As tres detidas foron postas en liberdade tras prestar declaración.