
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, mantivo este mércores pola tarde unha reunión institucional co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no despacho presidencial de San Caetano, nun encontro que se prolongou durante case dúas horas e no que se abordaron os principais retos e necesidades da provincia.
A reunión fora solicitada pola Presidenta no mes de xaneiro, coincidindo co inicio do seu mandato á fronte da institución provincial, co obxectivo de establecer unha canle directa de diálogo e cooperación entre ambas administracións. No encontro tamén participaron o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o Vicepresidente Primeiro da Xunta de Galicia, Diego Calvo.

Unha folla de ruta para o futuro da provincia
Durante a xuntanza, Carmela López fixo entrega ao presidente da Xunta do documento Decálogo para o futuro da provincia de Lugo, no que se recollen dez liñas estratéxicas orientadas a reforzar os servizos públicos, apoiar o municipalismo e impulsar o desenvolvemento económico e social do territorio.
Este documento estrutúrase arredor de ámbitos clave como a administración local, os servizos sociais, as infraestruturas, a sanidade, a educación, o ámbito universitario, a política industrial, a vivenda, o transporte público e a prevención de lumes forestais.
Para a presidenta da Deputación de Lugo o decálogo presentado constitúe unha base de traballo para continuar afondando no diálogo e na cooperación institucional, co obxectivo de dar resposta ás necesidades da cidadanía e contribuír ao desenvolvemento equilibrado de Lugo.