ConcellosÚltima hora

Buscan a un mozo no río Miño logo de caer, tras envorcar o kaiak no que viaxaban 2 compañeiros preto do encoro dos Peares

 

Pasados dez minutos das catro e media da tarde deste 30 de marzo, un particular contactaba co 112 Galicia para avisar de que un rapaz lle comunicara que tivera un accidente cun kaiak, no cal viaxaba co seu primo e que o perdera de vista logo de envorcar, preto do encoro dos Peares, en A Carballeira, A Cova, no concello lucense de Carballedo.

De inmediato o 112 Galicia poñía en marcha un operativo no que, “ademais de ser informados o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia -061 participan os axentes da Garda Civil, os Bombeiros de Chantada, o GES de Ribadavia cunha embarcación e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Parada de Sil. Do mesmo xeito puxéronse os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Monforte e de Ourense e dos efectivos das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil do Saviñao e de Monforte de Lemos, que tamén se dirixen ao punto cunha embarcación. Ademais, súmase á procura un dron e cámara térmica dos Bombeiros de Ourense”.

Así mesmo, o 112 Galicia indica que, segundo a información recibida pola Garda Civil, os mozos saíron co kaiac do embarcadoiro de Peares, subiron ao río e cando volvían tiveron o accidente.

“Os Bombeiros de Chantada, alí no punto, comunican as dificultades que presenta o terreo, que é impracticable dende terra, a orografía é moi pendente e arriscada, polo que, só ven viable o uso de medios acuáticos e aéreos para a busca e rescate”, prosegue o 112 Galicia, indicando ademais que un helicóptero da Garda Civil, que  tamén se sumou á procura do mozo, localizou o kaiak no mesmo lugar onde se iniciou á busca.

O persoal do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) tamén foi informado polo 112 Galicia, por se fose precisa a súa intervención para atender aos familiares do desaparecido, así como, o persoal da empresa subministradora da electricidade. Arestora, os medios acuáticos continúan na procura do mozo, segundo os últimos datos do 112 Galicia.

Back to top button