CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O instituto da Rúa volverá acoller este ano as probas de acceso á Universidade

 

O IES Cosme López da Rúa acollerá de novo este ano as PAU. Así se acordaba trala aprobación en Pleno do convenio coa CIUG na sesión extraordinaria celebrada a finais de marzo no Concello coa abstención do Partido Popular.

“Aprobámolo porque consideramos que hai que manter a sede pero seguimos tendo a mesma crítica de cada ano, porque é un escándalo”, asegura a alcaldesa María G. Albert, explicando que unicamente Viveiro, Cee e A Rúa teñen que pagar por ser sede das probas. “Somos sede oficial co cal temos que ter os mesmos deberes pero tamén os mesmos dereitos que o resto de sedes oficiais que non pagan e o Concello da Rúa si e por riba o convenio deste ano vai por case 22.000 euros”, di, asegurando que é “moitísimo para un concello como este porque, se ben é certo que hai concellos que trae o seu alumnado e colabora, faino porque queren xa que non teñen obriga de facelo”.

 

 

Nesa mesma sesión extraordinaria tamén aprobaban outro convenio importante para o Concello da Rúa. “O compromiso de aportación para o EDIL Valdeorras, o Plan de Actuación Integrado Valdeorras Camiño do Sil, que non chega ao 2% do total pero así e todo vai cerca dos 200.000 euros a aportar en catro anos con diferentes actuacións (vivenda pública, parque do Aguillón, melloras nas parroquias rurais, etc) ata un total de 900.000 euros de investimento que temos previstos nas Rúa”, que era aprobado tamén coa abstención do PP.

Aprobado por unanimidade foi o convenio da rede de concellos contra o acoso escolar que consideran “importante aínda que non vén dotado orzamentariamente”, di a alcaldesa, asegurando que é un primeiro paso. “Está ben que se lles ocorra que a Administración se ten que involucrar dalgún xeito nas cuestións do acoso escolar pero de momento vén sen cronograma, sen planificación e sen orzamento, unicamente se constitúe e haberá que ver como evoluciona”.

Fotos: Mónica G. Bellver

Back to top button