
Na madrugada deste Domingo de Pascua (5 de abril) unha muller sufía un accidente co seu vehículo en Baños de Molgas, tal como indican dende o 112 Galicia, puntualizando que “os membros do GES de Maceda excarceraron á moza logo de quedar atrapada no interior do único vehículo implicado no accidente”.
Tras recibir a chamada a través do sistema de alerta do propio concesionario do vehículo sinistrado, ao fío das tres e cuarto “o 112 pasou aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que confirmou que a muller estaba atrapada no interior do turismo ao saírse da vía”, indican dende o Axega, engadindo que “igualmente, foron avisados os Bombeiros de San Cibrao das Viñas, os membros do GES de Maceda, a Garda Civil de Tráfico e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade”.
O accidente tiña lugar en Vide (Baños de Molgas), na OU-P-0000, quilómetro 0,7, no límite entre os concellos de Baños de Molgas, Vilar de Barrio e Xunqueira de Ambía. “Unha vez no lugar dos feitos, os membros do GES confirmaron a excarceración da muller ferida, que foi evacuada polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061”.