PolíticaÚltima hora

O BNG defenderá no pleno do Barco unha moción para acadar unha base medicalizada do 061 neste distrito sanitario

 

Manuel Agra, voceiro do BNG no Barco.

 

Conseguir unha base con ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada ou de enfermaría dentro da Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galiza (RTSUG-061) para o Distrito Sanitario de Valdeorras. É o obxectivo da moción que o grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro pleno ordinario barquense, previsto para este xoves 9 de abril.

Na iniciativa nacionalista indícase que “por estas datas, téñense que comezar a definir as características do novo concurso de transporte urxente, é dicir, cantas ambulancias vai haber, de que tipo serán, e onde se localizarán, o que vén ser: como se vai  dimensionar a “Rede de transporte sanitario urxente de Galicia  (RTSUG-061)”. Así mesmo, lémbrase que “nunha emerxencia, precísase pois dar unha atención axeitada no tempo correcto, tendo sempre en conta que se o tempo de supervivencia é menor ao tempo de resposta o paciente morrerá antes de recibir a axuda axeitada”.

Ao mesmo tempo, exponse que o Distrito Sanitario de Valdeorras conta cunha poboación aproximada de 32.000 persoas espalladas por 1.685 Km. cadrados (contando San Xoán de Rio e Vilariño de Conso). Todos estes concellos teñen o seu respectivo centro de saúde, e o distrito un pequeno hospital: o Hospital Público de Valdeorras (HPV)] “As distancias no noso distrito con respecto ás poboacións e o noso hospital de referencia en Valdeorras son inasumibles para unha actuación urxente cunha ambulancia asistencial de Soporte Vital Básico, agás que se medicalice cos profesionais dos Centro de Saúde ou dos PAC do distrito: temos distancias de O Barco a Pradorramisquedo entre 63,8 a 75,6 Km. dependendo das rutas, e de 86 a 90 minutos de tardanza até contactar co paciente”, din os nacionalistas na súa moción.

Tendo en conta isto, “dada a situación xeográfica, a orográfica, a situación das vías de comunicación, a dispersión poboacional, a realidade socioeconómica do distrito sanitario, que a actual situación dos recursos asistenciais da Rede de Transporte Sanitario Urxente da Galiza- 061 non contemple unha ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado é un feito grandemente discriminatorio e inadmisible para co Distrito Sanitario de Valdeorras, ademais de impropio dunha sociedade equitativa nun contexto socioeconómico e cultural coma o noso”.

O BNG tamén comenta no texto da iniciativa como outro distritos teñen este recurso asistencial sexa “medicalizada, como contempla en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Foz, Ourense, Pontevedra, Vigo, Mos, Monforte de Lemos, A Coruña (dúas),e o Salnés; ou ben sexa de soporte Vital Avanzado de Enfermería como contempla na Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Lalín e Moaña”.

E, neste senso, buscarán o apoio da Corporación barquense para aprobar esta moción cuxos acordos son os seguintes:

  1. “O Concello do Barco de Valdeorras insta a Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza  para que no novo concurso de transporte sanitario terrestre se contemple unha base con ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada ou de enfermaría dentro da Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galiza (RTSUG-061) para o Distrito Sanitario de Valdeorras.
  2. Dar traslado destes acordos aos concellos que conforman o distrito sanitario do Barco de Valdeorras.
  3. Dar traslado destes acordos ao conselleiro de Sanidade, ao presidente da Xunta de Galiza e aos portavoces dos grupos políticos do Parlamento de Galiza”.
Back to top button