EconomíaEconomíaÚltima hora

Río e a Estación de Montaña de Manzaneda acollerán en abril unha convivencia de axentes do ecosistema emprendedor

Esta iniciativa piloto, denominada Impact Campus Galicia, prevé reunir máis de 100 persoas emprendedoras, inversores, empresas, estudantes, artistas e deportistas galegos e incluirá actividades de ocio, turismo e aprendizaxe

 

O concello de San Xoán de Río e a estación de montaña de Manzaneda serán escenarios do 9 ao 12 de abril dunha convivencia de persoas e entidades do ecosistema emprendedor. O obxectivo de mellorar e dar visibilidade a novas iniciativas, así como de conectar con inversores, empresas e outros compañeiros nunha contorna rural. Así Galicia será a primeira parada de Impact Campus, unha nova iniciativa que quere converter o rural nun espazo real de innovación, colaboración e xeración de solucións fronte ao reto demográfico.

Impulsado por Impact Social Cup co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello de San Xoán de Río, o encontro nace cunha idea clara: se viven os pobos, gañamos todos. A iniciativa busca demostrar que o rural non debe abordarse só desde o diagnóstico, senón tamén desde a convivencia, a escoita activa e a mobilización de talento para construír respostas aplicables e sostibles.

“Lonxe de ser un evento convencional, Impact Campus exponse como un experimento pioneiro en España: unha convivencia intensiva na que perfís moi distintos traballarán xunto á propia comunidade local para entender como se vive no territorio, identificar as súas barreiras reais e deseñar solucións con potencial de continuidade. O obxectivo é que esas propostas non queden en ideas, senón que poidan ser impulsadas e financiadas posteriormente desde o propio ecosistema local, empresarial e institucional”, din os promotores da iniciativa.

Durante tres días, os participantes compartirán un formato inmersivo que combinará convivencia, dinámicas de conexión, inspiración e traballo colaborativo en equipos multidisciplinares. Os traballos centraranse en dous retos reais expostos pola propia xente do territorio: mobilidade e vivenda, dúas das cuestións máis determinantes para fixar poboación, atraer novo talento e garantir o futuro de moitas zonas rurais.

A partir de aí, o campus buscará activar unha conversación útil entre quen vive estes desafíos en primeira persoa e quen pode achegar visión, recursos, rede e capacidade de execución. Con esta iniciativa, Galicia aspira a situarse como epicentro da innovación social aplicada ao territorio, abrindo unha vía de traballo que poida replicarse noutras comunidades autónomas.

A formulación de Impact Campus é levar este modelo a diferentes puntos de España para abordar retos demográficos desde o terreo, implicando á poboación local e conectándoa con axentes capaces de acelerar solucións reais.

Impact Campus forma parte da evolución de Impact Social Cup, plataforma para impulsar proxectos empresariais con impacto positivo. Con este novo formato, o proxecto amplía o seu alcance e traslada a súa capacidade de mobilización ao territorio, conectando talento, propósito e acción colectiva ao servizo do rural.

Back to top button