EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

CEO e Deputación reforzan o programa Exportou para impulsar a internacionalización, dixitalización e sustentabilidade da empresa ourensá

ExportOU 2026 virará ao redor de tres eixos fundamentais sobre mercados, formación e asesoramento continuo

 

CEO e Deputación presentaban na mañá deste 7 de abril nas instalacións da empresa Aníbal Metalmecánica as liñas de actuación do programa Exportou para este ano 2026, un ambicioso ecosistema intelixente de servizos continuos orientado a acompañar ás empresas no seu crecemento e adaptación e consolidación. Exportou 2026 configúrase este ano en tres eixos fundamentais, tal e como apuntaba David Martínez, presidente da CEO, entidade que, con apoio da Deputación, puxo en marcha hai case 10 anos este proxecto, centrado en apoiar as empresas en internacionalización, e que foi incorporando accións a favor da sustentabilidade e a transformación dixital.

Para este ano 2026 esta iniciativa incorpora tres liñas de actuación que servirán para seguir acompañando ao tecido empresarial na súa adaptación aos cambios e a escenarios diversos e complicados como os actuais. Trátase de ExportOU>RADAR, un sistema de intelixencia de mercados que permite ás empresas acceder a información estratéxica actualizada sobre normativa, tendencias e oportunidades. Un servizo de información estratéxica continua que lles proporciona alertas sobre normativa, aranceis e regulación UE, informes sectoriais e tendencias, ou seguimento de oportunidades e financiamento entre outros recursos para que poidan anticipar riscos e detectar oportunidades.

Doutra banda, as empresas terán tamén ao seu dispor ExportOU>CAPACITA, centrado na formación práctica e o acompañamento estratéxico, incorporando ademais ferramentas de intelixencia artificial para mellorar a toma de decisións. Trátase dun programa avanzado dirixido principalmente a asociacións empresariais comarcais, que lles proporcionará formación práctica en xestión, financiamento e proxectos; tamén desenvolvemento de plans estratéxicos e ferramentas co obxectivo de fortalecer a estrutura empresarial desde a base e conseguir entidades máis profesionalizadas no apoio a empresas locais.

Para finalizar, David Martínez fixo referencia a ExportOU>GLOBAL, un servizo de apoio operativo que acompaña ás empresas na súa actividade diaria na aplicación real dos seus procesos de internacionalización, dixitalización e sustentabilidade, con asesoramento en ámbitos da exportación como trámites e mercados; apoio na dixitalización e implantación de IA ou acompañamento en sustentabilidade e normativa europea, co obxectivo de levar á práctica a internacionalización e a transformación empresarial.

Estes tres piares sosteñen un modelo de acompañamento continuo e constante, pensado para que ningunha empresa —independentemente do seu tamaño ou localización— quede fose das oportunidades que ofrece a internacionalización, a sustentabilidade ou a dixitalización; en definitiva, un modelo orientado a resultados, reforzando a competitividade do tecido empresarial.

 

 

Presente e traxectoria de ExportOU

O acto desenvolvíase nas instalacións de Aníbal Metalmecánica Galega (AMG), empresa do polígono de San Cibrao pertencente ao Grupo Aníbal Blanco, conglomerado empresarial diversificado con actividade en sectores industriais, tecnolóxicos e loxísticos, que logrou consolidar desde Ourense unha sólida proxección internacional, con presenza en Europa, América do Norte e Asia. Esta traxectoria no exterior valeulle o recoñecemento, entre outros, do premio á exportación José Manuel Pérez Canal na última edición. Alí congregáronse representantes da empresa anfitrioa acompañados por directivos do propio polígono como o seu presidente José Antonio Rodríguez Araújo e a xerente, Yolanda López; e da CEO, como a vicepresidenta Olga Santos e o secretario xeral Jaime Pereira.

Na presentación interviña en primeiro lugar Marta Nóvoa, alcaldesa de San Cibrao das Viñas, quen felicitou na súa intervención tanto á CEO como á Deputación por esta colaboración e agradeceu a elección para realizar esta presentación nunha empresa dun dos polígonos máis grandes e punteiros de Galicia. A continuación, o presidente da CEO, David Martínez, explicou as novidades do programa para este ano e destacou que, desde a súa posta en marcha en 2017, ExportOU ‘demostrou unha gran capacidade de adaptación, evolucionando para dar resposta ás necesidades reais das empresas ourensás; o que comezou como un programa de impulso á internacionalización é hoxe un modelo integral de acompañamento, que incorpora ferramentas, coñecemento e servizos orientados a resultados’.

Desde AMG, o seu xerente, Aníbal Blanco, destacou o papel crave das institucións como panca para a internacionalización —a pesar de a carga burocrática— e puxo en valor as vantaxes competitivas de Ourense, como a dispoñibilidade de talento, a calidade de vida e a conectividade, defendendo que estes factores permiten atraer investimento e competir con éxito en mercados globais.

 

 

Na súa intervención, Luis Menor puxo ao programa ExportOU como exemplo de “éxito de cooperación” entre a CEO a Deputación de Ourense, logo de poñer en marcha no 2017 este proxecto para apoiar e asesorar ao tecido empresarial ourensán. Mostra do éxito que atesoura esta iniciativa é que no ano pasado, logrouse prestar, a través deste programa, case 300 servizos, apoiar a preto de 200 empresas e desenvolver 25 accións, “un impacto máis ca positivo que vén a reforzar o que xa sabemos: apoiar a aqueles que cren e crean no territorio é apostar polo futuro da provincia”, dixo Menor.

Así mesmo, o presidente da Deputación aproveitou a ocasión para reclamar a execución das infraestruturas na área empresarial de Ourense “imprescindible para o crecemento industrial da provincia” como son a execución da ampliación do Polígono de San Cibrao, as obras da nova depuradora “tan importante para estas zona industriais”, que se comprometa a estación de mercadorías, que se amplíe o Polígono do Pereiro e se poña en marcha o de Paderne de Allariz.

Back to top button