
Outro accidente mortal cun tractor, desta volta no concello da Pobra de Brollón, onde falecía unha persoa na tarde deste xoves 9 de abril. Tal como informan dende o 112 Galicia, indicando que “a pesar do importante despregue de medios, que incluíu a mobilización dun helicóptero medicalizado, nada se puido facer por salvarlle a vida”.
O suceso tiña lugar na parroquia de San Cosme de Liñares arredor das 15:30 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibía “a chamada do propio implicado, quen indicaba que sufrira un sinistro co seu tractor e precisaba asistencia médica urxente, aínda que non se atopaba atrapado polo vehículo”, explican desde a sala de operacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia que solicitaba a intervención dos Bombeiros de Monforte, do GES de Quiroga, da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil.
“Así mesmo, informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar dos feitos. Finalmente, e malia os esforzos do persoal sanitario desprazado, nada se puido facer por salvarlle a vida á persoa”, conclúen dende o 112..