O trastorno do espectro do autismo (TEA) é unha condición do neurodesarrollo que afecta á configuración do sistema nervioso e ao funcionamento cerebral. Xera dificultades para a comunicación e interacción social e para a flexibilidade do pensamento e da conduta da persoa que o presenta. Pero tamén implica unha forma diferente de procesar a información e de comprender o mundo que se traduce nunha serie de capacidades e, polo tanto, de oportunidade. Na realidade das persoas e das súas familias poñíase o foco nas xornadas “Autismo: A Mirada do Outro”, que se desenvolvían a partir das catro da tarde deste 11 de abril no edificio Multiusos do Barco.
Este foro enmarcábase no conxunto de actividades promovidas pola Asociación de Asperger e Trastornos do Espectro Autista de Valdeorras (ASTEAVAL) con motivo da celebración o 2 de abril do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo. Nel tiña lugar tres relatorios, afondando en ámbitos diversos vinculados co TEA. Así a traballadora social Jennifer Rodríguez Guijarro falaba “Do diagnóstico á vida diaria”, Marián Guitián Sarria (mestra e nai) achegaba “realidade do día a día e o poder da aula” no autotismo e Ester Pérez Ribada (emprendedora TEA) contaba a súa experiencia e poñía de manifesto que “o autismo no ten idade”, pese a que acostuma asociarse coa infancia.
O presidente de ASTEAVAL, Rubén García, pechaba a quenda da intervencións abordando temas como a síndrome do impostor en relación co autismo, a taxa de autismo ou problemáticas relacionadas con el como “a falta de visiblidade, de pedagoxía, de recoñecemento e a falta de diagnóstico, de tratamento e que, moitas veces, non o queremos ver, é mellor afastalo e deixalo a un lado”.
Despois daba paso a unha participativa mesa redonda na que se compartían experiencias, dúbidas ou problemáticas arredor co autismo e volvía abordarse, dende esa perspectiva persoal, temas xa comentados como a relevancia de mellorar a formación con relación a este trastorno no eido do ensino, pero tamén no sanitario e no laboral e empresarial, de cara a favorecer a inserción de persoas autistas.
“A día de hoxe cada vez hai máis profesorado implicado e informado sobre as neurodiverxencias”, dicía Marián Guitián, resaltando ao mesmo tempo a relevancia da “integración e inclusión dos cativos autistas, se o neno non fai cousas cos demais non se vai sentir incluído”. E engadía que é preciso que a sociedade saiba comprender que existen múltiples formas de autismo.

As dificultades e os tempos para obter un diagnóstico de autismo, e quen ten que facelo a efectos oficiais, era outro asunto ao que se lle prestaba atención, xunto cos procedementos para obter axudas e recursos por parte das familias para poder afrontar esta situación (psicólogos, logopedas, terapias ocupacionais, terapias físicas…). “O primeiro paso é que as familias aceptemos que hai un problema, senón non se pode avanzar, é como se fose un período de duelo que ti logras superar. Isto é como unha carreira con moitas metas voantes polas que tes que ir pasando”, explicaba Rubén García, apoiándose na súa propia experiencia.
Ester Pérez comentaba ademais que apenas hai apoios para os mozos autistas, tendo en conta ademais que “o fracaso escolar na comunidade autista é elevadísimo. Non entenden as clases e non soportan o seu ritmo. Non hai ninguén que apoie aos autistas nese tránsito de nenos a adolescentes para, despois, poder conseguir un traballo”. De aí, que moitos opten, como no seu caso, por emprender, “na miña empresa a maioría somos neurodiverxentes”.

Ademais Pérez destacaba a necesidade de que o empresariado “se quite o medo e se forme neste eido xa que, pese a que a nosa forma de traballar non se entende, realmente somos moi produtivos. As empresas só ven o teu diagnóstico e non o que vén detrás”.
Nese senso, a traballadora social Jennifer Rodríguez apuntaba que “o autismo abrangue todo o ciclo vital dunha persoa, pero non temos un programa de apoio para el, as barreiras que se vai atopar están nos diferentes momentos da súa vida”. Pero ía máis alá, matizando que, ademais de falar de limitacións, tamén hai que facelo de capacidades, de cara a súa inserción laboral e do que os autistas poden aportar á sociedade.

O presidente de ASTEAVAL pechaba a xornada agradecendo o apoio de todas aqueles que fixeron posible levar a cabo esta actividade, o respaldo do Concello do Barco e, de xeito especial, o traballo do equipo da asociación. Finalmente, convidaba ás familias que teñan dúbidas, que “busquen respostas ou que queiran sentirse acompañadas”, a que se achegan á ASTEAVAL, ante esta situación “lóitase moito mellor dende a unión e a sensibilidade”.
Sobre ASTEAVAL
ASTEAVAL é unha asociación sen ánimo de lucro, nacida hai un ano e con sede no Barco de Valdeorras, dedicada á defensa dos dereitos e a mellora da calidade de vida das persoas con TEA e as súas familias. A través do apoio directo e a sensibilización social, traballan para que a neurodiverxencia sexa entendida como unha parte fundamental da diversidade humana.
Fotos: A.R.
Vídeo: O SIL.