
Conta atrás para a XVI Ruta dos Fornos de Celavente (O Bolo) que se celebrará o sábado 2 de maio a partir das 13 horas, “para desfrutar con todos vos do día máis especial do ano no noso pobo”, aseguran dende a organización, a Asociación Centro de Animación Rural (A.C.A.R.) Celavente, adiantando que a partir do mércores 15 de abril, poderanse marcar as entradas (20 euros para os adultos e 10 para os nenos) nos lugares habituais: no Mesón Volobriga (O Bolo) e na Cafetería O 4 e no Restaurante A Lareira (A Rúa). “Se o preferides, tamén podedes escribir un correo electrónico á dirección rutadosfornos.celavente@gmail.com, e recoller as entradas o día da ruta, no punto de saída antes das 13 horas”, explican dende A.C.A.R.
Ese día a primeira parada será no Forno do Viduedo onde terán preparados os chourizos asados con pan. Para beber, viño ou auga. A seguinte parada, tamén na parte alta do pobo, será no Forno dos Ortos onde haberá empanada e de novo, viño e auga. A partires de aí comeza a baixada atravesando soutos, carreiros e estradas.

A terceira parada será no Forno de Outeiro con orella e morro cocidos, pan e bebida; e de aí haberá que coller un pequeno desvío para chegar ata a Adega da Capilla á que se chega pasando por antigas viñas e soutos de castiñeiros, para degustar o doce de castañas. A seguinte parada é o Forno do Fondo con xamón asado, ademais do pan e bebidas correspondes, completándose o percorrido co Forno do Campo, con torta de roxóns e licores; e o Forno do Cima con roscón e máis licores.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.