A RúaConcellosÚltima hora

O Concello da Rúa lembra a obriga da limpeza de fincas particulares por parte dos seus propietarios ou usuarios

Casa do Concello da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

En plena primavera, o Concello da Rúa vén de emitir un bando para lembrar que a limpeza das fincas particulares é unha obriga das persoas propietarias e/ou usuarias das mesmas. “Esta obriga está recollida tanto nas ordenanzas e regulamentos municipais como nas normativas Autonómica e Estatal”, din, asegurando que en todos os casos, establécense sancións para aquelas persoas propietarias que incumpran as súas obrigas relacionadas con esta materia.

Por iso lembran a todos os titulares de predios, fincas e soares particulares a “obriga de proceder á súa limpeza antes da finalización do mes de maio”, co fin de conseguir que as fincas non teñan lixo, maleza ou calquera das especies arbóreas das sinaladas na lei de prevención e defensa contra incendios.

En caso de incumprimento, aseguran que “sancionarase aos propietarios (segundo a normativa en vigor o rango de sancións pode alcanzar importes de 1.000 euros para as infraccións leves) e procederase á execución subsidiaria da limpeza da parcela”.

O obxectivo final é, segundo o Concello, “a limpeza de todas as propiedades existentes tanto no núcleo (Rural ou Urbano) coma na franxa de protección de cada un deles (50 m dende o límite exterior do núcleo), garantindo unhas boas condicións de seguridade e salubridade”.

Todo isto sen prexuízo de que no caso de lume, e máis aló das responsabilidades que, no seu caso, correspondan ás persoas autoras dos incendios forestais, “a Xunta de Galicia repercutirá os gastos de extinción, ás persoas obrigadas a manter limpas as propiedades”, conclúe o bando.

 

Back to top button