
A sexta edición do proxecto “Flores no Camiño” vén de poñerse en marcha. Trátase dunha iniciativa do Concello do Barco, a través da Concellería de Turismo, para a que se solicita a colaboración da veciñanza e comerciantes daquelas rúas do municipio polas que pasa a ruta xacobea do Camiño de Inverno.
“Para todos eles, poranse á disposición plantas de flores de diferentes especies, que axudarán a engalanar as balconadas e terrazas dos edificios situados na ruta xacobea, así como os negocios que se atopen situados nela”, segundo o Concello do Barco.
As persoas interesadas en sumarse a esta iniciativa teñen de prazo para inscribirse ata o día 24 de abril, na Oficina de Dinamización Turística do Barco ou no teléfono 604 076 918, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
A entrega de plantas levarase a cabo o sábado día 2 de maio de 10:00 a 13:00 horas, na Praza de Abastos do Barco. O Concello repartirá ata 1.500 plantas cun máximo de seis unidades por vivienda ou negocio. As persoas participantes terán a posibilidade de escoller entre os seguintes tipos de plantas: petunias, surfinias,
xeranios, conchitas e verbenas.
Desde a Concellería de Turismo confían en acadar o éxito de edicións anteriores. É o caso da do 2025, na que se facía entrega de 700 unidades de plantas para máis de 100 vivendas e negocios, segundo os datos do Concello.
