O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, indicaba esta mañá que o Goberno pon á disposición da Xunta todos os recursos do Estado necesarios para combater os incendios forestais. O subdelegado participaba hoxe na reunión do Comité Provincial de Coordinación da Loita contra Incendios Forestais.
Durante o encontro, celebrado na Delegación Territorial da Xunta en Ourense, revisáronse os protocolos de actuación conxunta e os mecanismos de activación de medios e recursos de diferentes Administracións. “A boa coordinación e a comunicación fluída entre a Comunidades Autónoma, concellos e Goberno son esenciais para actuar de forma eficaz e rápida ante situacións de emerxencia e protexer o territorio e o noso patrimonio natural”, remarcou o subdelegado.
Eladio Santos insistiu na necesidade de mellorar a planificación para evitar que se repita a devastadora vaga de incendios que sufriu a provincia o ano pasado. “A prevención empeza moito antes do verán, con xestión forestal, planificación e concienciación”, apuntou.
Na reunión participaron o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o tenente de alcalde de Ourense Aníbal Pereira; a xefa da Unidade de Protección Civil da Subdelegación do Goberno en Ourense, Mari Carmen Lodos; membros dos servizos de emerxencias e representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Medios estatais
O subdelegado sinalou que o Estado activará unha vez máis tódolos mecanismos da súa titularidade, como son as Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF), Garda Civil, Policía Nacional, Protección Civil, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e o Exército de Terra para completar os medios da Comunidade Autónoma que ten as competencias nesta materia.
Ademais, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) dispón en Galicia de diversos medios destinados principalmente á prevención e extinción de lumes forestais, así como o apoio na xestión ambiental. En medios aéreos destaca a base de avións anfibios (FOCA) situada en Santiago de Compostela, desde a que operan aeronaves de gran capacidade. Así mesmo, o aeródromo de Xinzo de Limia alberga medios aéreos de carga en terra que complementan os labores de extinción.
No ámbito dos medios terrestres e helitransportados, Galicia conta coa BRIF de Laza, unha unidade altamente especializada. Ademais, dispón de 18 Equipos de Prevención Integral de Incendios Forestais (EPRIF), dos cales 10 desenvolven a súa actividade ao longo de todo o ano, centrando o seu labor na prevención, sensibilización e apoio á xestión de risco de incendios.
Adicionalmente, o MITECO pode despregar en Galicia outros recursos de carácter móbil, tales como helicópteros de distintas capacidades, avións de coordinación e observación (ACO), así como unidades técnicas de análise e planificación, que se activan en situacións de especial gravidade.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) pon a disposición das autoridades competentes diversos produtos e servizos especializados, entre os que se inclúen o visor ALCIF, boletíns específicos de incendios forestais, servidor de cartografía xeorreferenciada, así como asesoramento técnico personalizado.
Durante os incendios forestais do pasado verán, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) chegou a despregar na provincia de Ourense un total de 499 efectivos, alcanzando devandita cifra o 19 de agosto. Así mesmo, unidades do Exército de Terra —entre elas a Brigada “Galicia” VII (BRILAT), a Brigada Paracaidista (BRIPAC) e o Mando de Artillería de Campaña (MACA)— sumaron aproximadamente 300 efectivos mobilizados.