
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, participaron hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, na reunión de coordinación provincial sobre incendios forestais de Ourense. O encontro celébrase cada ano antes do inicio da campaña de alto risco para deseñar actuacións conxuntas entre a Xunta, o Goberno central e a administración local en materia de prevención e loita contra incendios en situación 2 nos que interveñen organismos de distintas administracións.
Esta xuntanza tivo lugar precisamente o día seguinte da aprobación, por parte do Consello da Xunta, da actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) correspondente ao 2026, que prevé o maior investimento da súa historia cun montante total de algo máis de 213 millóns de euros incluíndo persoal, así como investimentos en prevención e extinción, o que supón un 18% máis con respecto ao ano pasado.
