
Tras as de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) na honra da Virxe da Encarnación, a comarca vivirá as segundas festas patronais da tempada estival, nesta ocasión en Vilamartín de Valdeorras que celebrará as súas festas na honra a San Xurxo 2026 do 23 ao 26 de abril.
O programa dará comezo o día propio do patrón, o xoves día 23 co pasarrúas da Charanga Río Leira, seguido da misa solemne e procesión ás 12 horas. A música de baile chegará cedo, coa actuación da orquestra Panamá, nunha sesión que se estenderá desde as 20 ata as 23 horas.

Na xornada do venres día 23, o programa aposta polos sons máis modernos e rockeiros. A partir das 22:30 horas o escenario será para os grupos locais El Patio de Leni e Navegando a Barlovento, seguidos da discomóbil Opium co Dj Isra, ata altas horas da madrugada.
Coma sempre, a xornada do sábado día 25 será a máis completa. En horario de mañá haberá pasarrúas con Os Charangaiteiros, mercadillo e sesión vermú; e xa pola tarde, terá lugar un Bingo ás 16:30 horas organizado pola ANPA do CEIP Xosé Manuel Folla Respino e a actuación do grupo Claxxon que regresará á localidade con dous pases (21:30 e 01 horas) coa discomóbil Opium entre medias e ao finalizar.
Para despedir o San Xurxo 2026 , o domingo día 26 contará de novo coa Charanga Río Leira pola mañá. Tras a misa e a sesión vermú as 13 horas, a festa rematará cunha pancetada popular e “tardeo” amenizado polo Dj Repunante a partir das 18 horas.
