ConcellosRubiáÚltima hora

Comeza o arranxo da rúa Terra do Souto en Rubiá, cun investimento de 245.500 euros

 

Nestes días veñen de iniciarse as obras de acondicionamento da rúa Terra do Souto e de espazos públicos nesta contorna do municipio de Rubiá, cun orzamento de 245.500€. Esta actuación enmárcase no Plan Hurbe (da Consellería de Vivenda), a través do convenio asinado pola Administración autonómica e este concello.

O ámbito de intervención localízase na rúa Terra do Souto, na parroquia de Santa Mariña de Rubiá, na contorna de edificios públicos como o colexio público Virxe do Camiño, o pavillón polideportivo, un parque infantil, as edificacións municipais destinadas a almacén e as dúas antigas vivendas dos mestres agora rehabilitadas como vivendas municipais.

 

 

Deste xeito, actuarase en zonas que se utilizan como punto de encontro e esparexemento do núcleo e que pola súa singularidade necesitan un adecuado acondicionamento para a súa posta en valor ao tempo que se evita un proceso de degradación urbanística e arquitectónica.

Este proxecto no lugar de Rubiá pretende contribuír á seguridade dos veciños, mediante o saneamento da infraestrutura urbana e a execución de beirarrúas na zona vella da localidade. Ditas actuacións compleméntanse coa instalación de barreiras protectoras.

Tamén, para potenciar un espazo de encontro dos veciños levarase a cabo un programa de humanización de rúas polo que se instalará unha nova rede de iluminación soterrada, e acondicionarase o perímetro do parque infantil e demais zonas verdes, colocando céspede e árbores.

De acordo ao convenio asinado a través do Plan Hurbe, o Goberno galego financiará o 70% do orzamento das actuacións e o Concello de Rubiá aportará o 30% do investimento restante.

 

Back to top button