OurenseÚltima hora

Charla de formación e sensibilización sobre incendios forestais na base de helicópteros da Merca

 

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse está maña á Base de helicópteros da Merca para participar na charla de formación e sensibilización sobre incendios forestais a 50 alumnos do colexio CEIP Saco e Arce de Toén, co fin de explicar o traballo que realiza o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) e as instalacións existentes na nosa provincia.

O delegado territorial subliñou que esta iniciativa da Xunta busca concienciar aos máis cativos sobre a importancia da prevención dos incendios forestais, dar a coñecer as instalacións que conforman o dispositivo, así como revalorizar a profesión e incrementar o prestixio social dos efectivos que loitan contra os lumes.

Manuel Pardo sinalou que nestas xornadas organizadas pola Consellería do Medio Rural, ademais de informar sobre as medidas de prevención e defensa contra os incendios, tamén se levan a cabo relatorios divulgativos e de autoprotección co fin de que os cativos poidan coñecer como actuar en caso de detectar un incendio forestal, e realízanse talleres formativos e prácticos con exhibicións de manobras con brigadas e autobombas.

 

 

E lembrou que este tipo de accións consistentes en charlas divulgativas e demostracións adaptadas a distintas idades, nas que levan participado preto de 700 escolares da provincia, son levadas a cabo polo persoal dos distritos forestais. Téñense desenvolto en centros educativos do Pereiro de Aguiar, Celanova, Boborás, A Rúa, A Veiga, A Gudiña, A Mezquita, Chandrexa de Queixa e en instalacións do Servizo de Prevención de Incendios tales como o aeródromo de Beariz, o Centro de Coordinación Provincial, os Centros de Coordinación de Distrito, a base de Verín-Oímbra, ou a base de helicópteros da Merca, como é neste caso.

Neste sentido, tal e como se recolle na actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) aprobada esta mesma semana no Consello da Xunta, este ano continuarase co programa de divulgación para centros educativos cun mínimo de 300 charlas dirixidas especialmente aos escolares das contornas rurais.

Reforzo do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias

Posteriormente, o delegado territorial desprazouse á localidade de Cabeza de Vaca, no concello de Ourense, para supervisar os traballos de prevención que se están executando ao abeiro do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias, é dicir, naqueles 50 metros que rodean os núcleos de poboación.

 

 

Sobre o terreo, Manuel Pardo salientou o aumento do orzamento do convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, que ascende a 25 millóns anuais, o dobre que o anterior. Nesta liña, explicou que a través desta colaboración coa empresa pública Seaga préstase apoio ás administracións locais e aos propietarios para que poidan cumprir coas súas obrigas.

Nesta liña, o delegado territorial resaltou que se incrementan o número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276. As priorizadas son aquelas parroquias nas que os particulares teñen a opción de contratar a Seaga directamente para realizar as rozas preventivas por un importe de 420 euros por hectárea. A maiores, hai que lembrar que se continúa a ofrecer a posibilidade de que esta empresa pública realice execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano -fóra desas parroquias catalogadas como priorizadas- e a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais. Tamén se está ampliando o subministro de especies que axuden a construír unha franxa natural de protección dos núcleos urbanos e fagan innecesarias sucesivas limpas desas parcelas.

Así mesmo, a través de Seaga os concellos adheridos terán á súa disposición axuda para a revisión ou modificación do plan municipal de prevención; e tamén apoio para realizar as inspeccións e notificacións aos titulares das fincas.

 

 

Solicitudes de adhesión dos concellos

Manuel Pardo lembrou que ata o día de hoxe un total de 292 concellos galegos teñen solicitada a súa adhesión ao convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado entre a Consellería do Medio Rural e a empresa pública Seaga; 90 na provincia de Ourense.

Isto supón, polo tanto, que máis do 93 % dos municipios da nosa comunidade realizaron este trámite e superan xa os que estaban adheridos ao anterior acordo. As entidades locais tiveron de prazo ata o pasado día 31 de marzo para remitir á Xunta o plan de traballo coas actuacións solicitadas nos seus territorios de cara a facilitar a previsión de accións neste 2026.

No que vai de ano, o delegado territorial informou que xa se levan executadas na provincia de Ourense preto de 40 hectáreas de xestión de bioamasa en faixas secundarias e 24 quilómetros de viais municipais de 2 concellos.

Back to top button