ConcellosÚltima horaVilamartín

A Deputación intervirá de xeito provisorio no tramo municipal da estrada a San Vicente de Leira (Vilamartín) para ofrecer unha alternativa segura de acceso

Así o vén de anunciar o presidente da Deputación, Luis Menor, logo da reunión que mantivo co alcalde, Enrique Álvarez

Cedida.

 

A Deputación de Ourense intervirá de xeito provisorio na estrada municipal que vai a San Vicente de Leira  (Vilamartín de Valdeorras), co obxectivo de ofrecer á veciñanza unha alternativa segura de acceso a esta localidade. Así o anunciaba o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, logo dunha reunión mantida co alcalde vilamartinés, Enrique Álvarez Barreiro.

Luis Menor explicou que tras constatarse a imposibilidade de executar o antigo proxecto de rehabilitación do acceso á aldea pola (OU-0807, de titularidade provincial), debido ao “custo inasumible” que ten para administración provincial (case 13 millóns de euros no ano 2020), acordouse desenvolver unha serie de actuacións no tramo de estrada municipal para mellorar o acceso a San Vicente. Luis Menor detallou o alcance da proposta acordada, que inclúe o aglomerado da vía local, así como o acondicionamento das cunetas para garantir un tránsito “adecuado e seguro que mesmo permita o cruce simultáneo de dous vehículos”.

Deste xeito, nos vindeiros días, técnicos da Deputación trasladaranse ata San Vicente para valorar esta alternativa, segundo o presidente provincial, e buscar así os recursos “para que se inicien as obras canto antes e darlle unha solución á veciñanza”.

Pola súa banda, Enrique Álvarez agradeceu a colaboración da Deputación para unha intervención axeitada e que a veciñanza “gañe en seguridade”. Esta solución afecta ao tramo que vai dende a Ferrería ata Os Chelos, que é máis dun quilómetro. “O que lle pedín ao presidente é que, mentres non haxa unha solución definitiva na 0807 imos tratar de que esa estrada estea o máis útil posible para que dous coches se poidan cruzar. ¿Como se pode conseguir? Facendo que a capa de rodadura sexa axeitada, aproveitando ao máximo o perfil da estrada, porque por aí non circulan peóns, e tamén formigonando a cuneta de forma que se poida pisar en caso de que faga falta se se cruzan dous vehículos”, explicaba o rexedor.

Enrique Álvarez concretaba que se vai intentar facer esta actuación neste ano. Ademais o alcalde transmitíalle ao presidente provincial que “o ideal sería que esa vía cumprira con esas mesmas características dende San Vicente ata Vilamartín, polo tanto, que pasando polo Mazo se fixera tamén esa mesma intervención. O presidente comentou que acometer isto neste ano vai ser complicado, pero que se vai intentar de todos os xeitos”.

Ao mesmo tempo, o rexedor matiza que esta actuación acordada é “á espera de que na estrada 0807 se estabilice o terreo, algo que podería tardar un ano ou dous. Nós, en principio, na parte de estrada que colleu o Concello todos os anos actuamos de maneira que a veciñanza poida entrar e saír por aí en caso de emerxencia, como aconteceu no incendio do pasado verán. Cando iso se estabilice, como a Deputación descarta a posibilidade de facer o recheo porque non é unha cantidade moi asumible, o presidente comprometeuse de palabra a actuar no futuro para que San Vicente teña unha entrada axeitada por esa estrada”.

Outra das cuestións que Enrique Álvarez lle trasladaba a Luis Menor é que “agora mesmo nesa estrada non pode estar realizándose unha actividade empresarial pasando por unha dirección prohibida todos os días. Hai que poñer unha sinalética conforme esa estrada estase usando como unha pista mineira. Esa petición está feita e o presidente díxome que se vai ter en conta”.

Renovación do campo de fútbol do Córgomo

Por outra banda, na reunión co alcalde de Vilamartín, Luis Menor comprometeuse tamén a colaborar na mellora do campo de fútbol do CD Córgomo Vilamartín, “equipo punteiro na primeira Futgal”.

A través dun convenio entre ambas institucións levarase a cabo o arranxo das instalacións e a instalación de céspede artificial para “ofrecer unhas instalación dignas ao club de fútbol, que tantas alegrías nos está a dar”, puntualizou o alcalde, matizando que a cuestión das cantidades a aportar por cada unha das administracións concretarase no acordo escrito.

 

Back to top button