PolíticaÚltima hora

Membros do PSdeG-PSOE anuncian que trasladarán as reivindicacións de Asilival ás institucións da provincia e de Galicia

Participaban esta mañá na manifestación que convocaba no Barco esta entidade para pedir un servizos de Pneumoloxía para o Hospital de Valdeorras

Foto cedida.

 

Representantes do PSdeG-PSOE de Ourense participaban esta mañá no Barco na manifestación convocada pola Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) para pedir a implantación dun servizo de pneumoloxía no Hospital Público de Valdeorras.

Na mobilización estiveron presentes o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense e portavoz do grupo provincial socialista na Deputación, Álvaro Vila; a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; o alcalde do Barco, Aurentino Alonso; así como outros cargos socialistas da comarca, que quixeron respaldar coa súa presenza unha demanda “xusta e urxente” para a veciñanza de Valdeorras.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense anunciaban, a través dunha nota de prensa emitida esta tarde, que trasladarán estas reivindicacións ás institucións, “a través dunha moción no pleno da Deputación de Ourense e mediante iniciativas no Parlamento de Galicia, co obxectivo de esixir á Xunta a dotación dun especialista en pneumoloxía para o Hospital de Valdeorras”.

Ademais sinalan a necesidade de que “a Xunta de Galicia atenda de maneira inmediata esta demanda”, apuntando que “a comarca de Valdeorras presenta unha especial incidencia de enfermidades respiratorias vinculadas á actividade laboral, como a silicose, o que fai imprescindible contar con especialistas e recursos sanitarios adecuados no propio territorio”.

Neste sentido, insisten en que “non se pode seguir obrigando aos pacientes a desprazamentos continuos para recibir atención especializada”, e defenden que “a sanidade pública debe garantir a igualdade de acceso a todos os galegos e galegas, con independencia do seu lugar de residencia”.

Back to top button