
O alumnado do Colexio Santo Ángel de Ourense participaba neste venres nunha xornada formativa no Polígono de San Cibrao das Viñas no marco do programa Eduemprende Atrévete, unha iniciativa promovida pola Dirección Xeral de Formación Profesional, dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Este programa, integrado no Plan Eduemprende, ten como obxectivo “fomentar, motivar e sensibilizar ao alumnado de educación primaria e secundaria obrigatoria no espírito emprendedor, achegándoo ademais ao tecido empresarial da súa contorna a través de experiencias directas”.

Tal como informan dende o Polígono, durante a visita, os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a actividade de dúas empresas referentes do tecido industrial ourensán. Por unha banda, percorreron as instalacións de Inplasor Galicia, compañía fundada en 1997 e especializada na inxección de plástico, que evolucionou incorporando servizos de enxeñería de moldes e ensamblado de pezas. A empresa, integrada na Agrupación industrial de Automoción de Galicia (CEAGA), destaca pola súa aposta pola calidade, o servizo e a innovación, contando ademais con diversos recoñecementos a nivel europeo.
Doutra banda, o alumnado visitou UNVI, empresa dedicada desde 1995 á fabricación de autobuses, autocares, microbuses e vehículos especiais. “Durante o percorrido, puideron coñecer o seu proceso produtivo e a ampla variedade de modelos que desenvolve, desde transporte urbano ata vehículos adaptados ou solucións a medida, nos que combina innovación, deseño e tradición co obxectivo de garantir a seguridade, eficiencia e confort dos usuarios”, explican, asegurando que esta actividade “permitiu ao alumnado achegarse á realidade empresarial da súa contorna, coñecer diferentes perfís profesionais e comprender a importancia da innovación, o emprendemento e a industria no desenvolvemento económico de Galicia”.