
Ata o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, no concello de Parada de Sil, desprazábase esta mañá o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, para comprobar as obras realizadas para a posta en valor do patrimonio cultural da Ribeira Sacra coa construción dunha liña de baixa tensión. Esta actuación, financiada porla Xunta de Galicia, mellora o subministro eléctrico neste enclave histórico e reforza o seu potencial turístico, segundo o goberno galego.
A intervención enmarcouse nun convenio de colaboración asinado en 2025 entre Turismo de Galicia e o Concello de Parada de Sil, cun investimento total de 214.275,28 euros. O seu obxectivo foi mellorar o sistema de electricidade do mosteiro e posibilitar a construción de instalacións complementarias na súa contorna, contribuíndo ao seu correcto funcionamento.

Durante a súa visita, Xosé Merelles destacou o impacto turístico desta acción, sinalando que “a mellora das infraestruturas neste tipo de enclaves patrimoniais é fundamental para incrementar o seu atractivo turístico, avanzando na consolidación da Ribeira Sacra como destino de referencia”. Neste sentido, tamén compartiu a importancia de “executar a liña de baixa tensión desde a aldea de Castro ata a parcela do mosteiro, garantindo un subministro eléctrico axeitado”.
Declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 2009, o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil constitúe un dos principais exemplos de arquitectura románica da Ribeira Sacra. Esta actuación responde á necesidade da Xunta de Galicia de mellorar as condicións de conservación dos bens patrimoniais da comunidade, reforzando o impulso dos destinos de interior e apostando por un modelo turístico baseado na valorización e a calidade do patrimonio cultural galego.
